A Biblioteca Municipal Torrente Ballester reabre as súas portas e acolle este xoves unha obra de títeres
- “O traxe novo do rei” de Tarabelos Teatro é a obra da que se poderá gozar na recén estreada biblioteca a partir das 17.30 horas de mañá
A Biblioteca Municipal Torrente Ballester, sita no Parque Ramal dos Galos, reabriu esta semana as súas portas logo de máis de dous anos de obras para unha ampliación valorada en máis dun millón de euros, e que supón unha mellora na prestación de servizos para a cidadanía. Precisamente mañá acollerá ás 17.30 horas a obra de títeres “O traxe novo do rei” de Tarabelos Teatro, coa que se celebrará o Día das Bibliotecas.
A biblioteca está funcionando de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas, tanto para o préstamo de libros como para as salas de estudo. O traslado fíxose cunha empresa de mudanzas a pasada semana, tanto dende a sala superior do Centro Social do Mar, onde estaba funcionando a biblioteca de xeito provisional, como dende a piscina, onde se almacenaban a maioría dos libros.
Dende a concellaría de cultura convídase a todas as persoas a coñecer as novas instalacións e a facer uso delas, pois ademais dos servizos habituais, cóntase cunha sala para ler a prensa ou gozar dunha tranquila lectura, á que se suma o espazo infantil/xuvenil onde os máis pequenos e pequenas entrarán en contacto cos libros de xeito cómodo e divertido. Así mesmo, co fin de mellorar os espazos, o Concello ten elaborado un proxecto de modernización do mobiliario para adaptar a biblioteca ás demandas dos últimos anos. A proposta, pendente de financiamento e licitación, ascende a 200.000 euros e con el adquirirase novo mobiliario nos tres andares e inclúe tamén o equipamento audiovisual.
O Concello organizou durante este mes o “Outubro de contos”, unha iniciativa de contos e actividades de promoción da lectura entre a cativada, ademais de difusión das bibliotecas como espazos de encontro. Este programa acolleu varios contacontos co apoio de “Ler Conta Moito” da Xunta de Galicia, que tamén se desenvolveu en abril e en xuño cun gran éxito de público asistente nas tres bibliotecas municipais.