Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Aula de Cabo Udra remata o domingo o ciclo de curtametraxes sobre a natureza

  • A sesión terá lugar ás 19.30 horas con acceso de balde ata completar aforo

  • O sábado continuarán as camiñadas pola Ruta dos Pazos, con saída ás 9.30 h desde o Museo Massó

O Concello de Bueu, en colaboración coa Asociación FICBUEU e a Deputación de Pontevedra, organizaron nas tres últimas semanas un ciclo de curtametraxes co obxectivo de dinamizar o espazo da Aula da Natureza de Cabo Udra, que permanece aberto todas as fins de semana ata o 30 de setembro. O ciclo remata o vindeiro domingo, 2 de setembro, coa proxección de “Bágoas negras de Uxía Diéguez, “Eucalyptus” de Elena Rodríguez e Miguel Souto, “Celle qui traversa le sol”, de Philippe Roux, e “Crossings” de Martin Sercombe, filmes que se poderán ver a partir das 19.30 h.

Eucalyptus” aborda o tema do impacto ambiental e económico do eucalipto en Galicia. A profunda reforestación das últimas décadas ten minguado a paisaxe galega e está destruíndo a biodiversidade autóctona, algo que se mostra no documental.

Celle qui traversa le sol” parte dun accidente de coche e dunha muller gravemente ferida deitada no chan dun bosque.

Crossings” supón un retrato de Whatipu, un solitario lugar salvaxe de beleza austera na costa oeste de Auckland, en Nova Zelanda.

E “Bágoas negras” aborda o drama dunha familia mariñeira que ve como afunde o Prestige e cambia as súas vidas.

Ruta guiada polos Pazos e actividades para a rapazada

Por outra banda, o Concello de Bueu comeza o mes de setembro de forma moi activa, e continúa o sábado coas camiñadas, concretamente pola Ruta dos Pazos, que partirá ás 9.30 h do Museo Massó. E para o seguinte sábado remata o programa de rutas por Cabo Udra, con saída desde a praia de Beluso.

Tamén a rapazada disporá de diversos plans para gozar da fin de semana. Precisamente, a praia de Area de Bon acolle mañá de 12 a 14 h un obradoiro de xogos relacionados cos ecosistemas mariños e coa concienciación medioambiental.

E no Centro de Interpretación de Agrelo, que pecha esta fin de semana as súas portas ata o vindeiro ano, haberá un obradoiro de reciclaxe de plásticos no mar, no que os máis pequenos e pequenas prepararán manualidades para transmitir a necesidade de reciclar e protexer o medio ambiente. Os xogos organizaranse o sábado e domingo e non se precisa inscrición.