A Aula de Cabo Udra acolle o domingo unha proxección de curtas
-
A sesión terá lugar ás 19.30 horas con acceso de balde ata completar aforo
-
O sábado sairá desde o porto de Beluso unha ruta de sendeirismo ata Cabo Udra, ás 9.30 horas
O Concello de Bueu, en colaboración coa Asociación FICBUEU e a Deputación de Pontevedra, organiza o vindeiro domingo, 19 de agosto, ás 19.30 h, unha proxección de curtametraxes relacionadas co mar e os mariñeiros, co obxectivo de dinamizar o espazo da Aula da Natureza de Cabo Udra e de concienciar sobre diversas temáticas sociais. A entrada será de balde ata completar aforo, e as curtas que se poderán ver son “Uno” de Javier Marco Rico, “Bágoas negras” de Uxía Diéguez, e “Moby Dick” de Nicola Sorcinelli.
“Uno” ilustra o drama das persoas refuxiadas que arriscan as súas vidas para tentar atravesar o Mediterráneo e chegar a Europa, partindo dun encontro casual por parte dun pescador dun teléfono móbil agochado nunha bolsa no medio do mar.
A segunda das curtas aborda o Prestige dende o punto de vista dunha familia mariñeira que observa a chegada de chapapote ás costas galegas e o cambio na súa vida.
Por último, “Moby Dick” expón dúas viaxes paralelas, a de Bianca e a dunha moza inmigrante ilegal, que se superpoñen literalmente, buscando unha salvación imposible, a pesar dun naufraxio case seguro.
Ademais desta actividade, as persoas que o desexen poderán unirse á ruta de sendeirismo que sairá o sábado, ás 9.30 horas, desde o Porto de Beluso ata Cabo Udra, e na que se poderá coñecer a flora e fauna dun dos espazos naturais con máis encantos da vila morracense.
Apertura das Aulas Medioambientais
O Concello de Bueu reabriu durante a temporada estival as aulas medioambientais de Cabo Udra e Agrelo. Así, o Centro de Interpretación de Agrelo estará aberto ata o 2 de setembro, concretamente os venres de 19 a 21 horas e os sábados, domingos e festivos de 11 a 20 horas. E a Aula da Natureza de Cabo Udra estará aberta ata o 30 de setembro, os venres de 19 a 20 horas e os sábados, domingos e festivos, das 11 ás 20.30 horas. Nesta última xestionaranse excursións cos centros escolares e asociacións e rutas pola contorna todos os sábados.