Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Asociación Veciñal da Banda do Río entregou os premios do concurso de escaparatismo

  • O acto celebrouse este venres ao mediodía na Sala Domínguez Búa, coa participación do concelleiro e deputado de cultura, Xosé Leal

O concelleiro e deputado de cultura, Xosé Leal, acompañou este venres á Asociación Veciñal da Banda do Río na entrega dos premios do certame de escaparatismo que desenvolveu ao longo do Nadal e que buscaba recoñecer a a orixinalidade e o impacto visual á hora de decorar os escaparates dos diversos comercios do barrio da Banda do Río. No acto, que se celebrou ao mediodía na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa, Xosé Leal declarou que “na promoción comercial, o galego eríxese como un valor engadido e por iso é importante crear conciencia”.

De entre os dezaseis participantes elixíronse tres premios da man dun xurado composto por unha escaparatista e membros da asociación. O primeiro foi para a farmacia da Banda do Río, o segundo para a tenda de moda infantil Nenes, e o terceiro, para a Floristería Beizos. Óscar Veiga, presidente do colectivo, valorou moi positivamente a importante participación no primeiro ano que se convoca este concurso, encadrado no marco do Ano da Lingua 2018 da Deputación de Pontevedra, e agardan poder darlle continuidade no tempo.

Por outra banda, o próximo xoves, ás 13 horas, terá lugar na Sala Domínguez Búa o acto de entrega de premios da andaina fotográfica.