Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Asociación Todomorrazo analiza o perfil de turista da comarca morracense

  • Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, asistiu este luns á presentación dos resultados do Observatorio do Turismo do Morrazo no Concello de Moaña

Este luns tivo lugar no salón de plenos do Concello de Moaña un acto organizado pola Asociación Todomorrazo ao que asistiron membros da directiva e as concelleiras de turismo do Morrazo, concretamente Silvia Carballo, de Bueu, Coral Ríos, de Moaña, e Aurora Prieto, de Cangas. A xuntanza serviu para presentar os resultados da enquisa do Observatorio do Turismo do Morrazo, elaborado por este colectivo turístico e no que se concluíu que as persoas que visitan o Morrazo teñen como destino prioritario Cangas, aínda que tamén os outros municipios, ademais de ser unha familia cuxos membros de máis idade oscilan entre os 45 e os 54 anos, e que chega ao destino por recomendación. Así mesmo, os cabezas de familia son traballadores/as por conta allea, cuns ingresos que oscilan entre os 12.000 e os 18.000 € e que contan con realizar un gasto de entre 100 e 200 €  ao día. A enquisa tamén conclúe que a maioría veñen a este destino impulsados polas praias, a gastronomía e o atractivo natural, o que leva a definirse coma un turismo sostible.

Segundo destacou Borja Brun, presidente de Todomorrazo, “o que queriamos era analizar o tipo de turista para analizar o que podemos ofrecer dende os nosos aloxamentos”. Pola súa banda, Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo de Bueu, salientou que “é importante este tipo de estatísticas que complementan o traballo levado a cabo polo persoal das oficinas de turismo municipais”.

A Asociación de Aloxamentos Turísticos Todomorrazo naceu no 2021 co obxectivo de unir ás persoas propietarias de aloxamentos turísticos da comarca. As persoas que queiran máis información poden consultar a súa páxina web, ou escribir un correo a turismo@todomorrazo.com.