A Asociación Os Galos e o Concello de Bueu promoven as II Xornadas da Cultura Mariñeira «Bueu vive o mar»
- O Estaleiro de Purro, na Banda do Río, será o lugar elixido para a celebración das actividades dende o 4 ao 9 de setembro
O Estaleiro de Purro, na Banda do Río, vivirá esta semana as II Xornadas da cultura mariñeira “Bueu vive o mar”, organizadas pola Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos coa colaboración do Concello de Bueu, o Museo Massó e a Federación Galega pola Cultura Mariñeira (Culturmar). O programa presentouse o venres da man de representantes do colectivo, coa presenza de Carmen García, concelleira de cultura, e de Alberto Moital, edil de patrimonio cultural.
A partir deste luns, 4 de setembro, e durante toda a semana, as persoas que o desexen poderán visitar ou participar nos traballos finais da dorna “Mareira”, unha réplica da coñecida como “A Roiba” de Ramón Vázquez Molezún e na que dende a Asociación e o carpinteiro de ribeira Manuel González “Purro” estiveron traballando nos últimos anos.
O programa previsto das xornadas anuncia que o martes haberá unha demostración de largada e recollida dunha rapeta na praia da Banda do Río a partir das 20 horas. Ao día seguinte, ademais do traballo participativo na dorna “Mareira”, organizarase ás 17 horas unha iniciación á navegación tradicional, para a que as persoas interesadas se deberán inscribir no Estaleiro ou a través do correo galosbueu@yahoo.es. Ás 20.30 horas, tamén no Estaleiro está prevista unha charla sobre o pintor Xosé Conde Corbal, a cargo de Antón Mascato. Precisamente, a obra deste pintor estará exposta durante toda a semana en escaparates dos comercios de Bueu.
O xoves desenvolverase unha nova xornada de traballo participativo na dorna e unha nova iniciación á navegación tradicional, tamén con inscrición previa.
O venres ás 18 horas organizarase un obradoiro de nós mariñeiros, no que poderán participar os nenos e nenas de máis de 7 anos e as persoas adultas, e a xornada culminará coa actuación de Assircópatas e o “Circo Desmelenado”.
O sábado será o día estrela das xornadas “Bueu vive o mar”, pois están programadas varias actividades durante todo o día, sendo a principal a homenaxe a Manuel González Ferradás “Purro”, prevista para as 16.30 horas, e a posterior botadura da dorna “Mareira”, que se estreará ese día. Ademais, ás 11 horas presentarase a revista Nova Ardentía, coa participación de Emilio Ínsua e Antón Mascato, e despois actuará o grupo Mediarea, antes da sardiñada popular das 14 horas.
A Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos conta cun longo percorrido na recuperación das embarcacións tradicionais e na reivindicación da cultura mariñeira na vila de Bueu. Entre as súas actividades habituais están a organización dos encontros de embarcacións tradicionais, a recuperación de barcos, ou a edición dunha revista anual de temática mariñeira.
O programa completo pódese consultar nos carteis.