Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Asociación das Alfombras de Bueu participará nun encontro de alfombristas na Grand – Place de Bruxelas

  • O evento, “Flower Carpet”, celebrarase do 16 ao 19 de agosto, e nel participarán catorce delegacións de todo o mundo, entre as que se atopa a bueuesa

Unha delegación de seis alfombristas de Bueu participarán na “Brussels Flower Carpet”, que se celebrará na capital belga do 16 ao 19 de agosto. Con este motivo este martes tivo lugar no salón de plenos do Concello de Bueu unha rolda de prensa na que estiveron presentes Silvia Carballo, concelleira de turismo, e Carmen Santos, presidenta da Asociación das Alfombras de Bueu. Precisamente, a concelleira destacou “a importancia do traballo levado a cabo desde este colectivo, que non só mantén a tradición das alfombras, senón que vai acadando retos cada vez maiores”.

Este evento organízase desde fai vinte anos e reúne a decenas de artistas das alfombras de España (Bueu, Carrión, Castropol, Ponteareas), Italia (Noto, Gerano, Camaiore, Bolsena), Alemaña, Malta (Gozo), Xapón e México (Uriangato), as cales realizarán unha alfombra floral diante da Bolsa de Bruxelas. Coa Grand- Place como fondo, cada unha das delegacións creará unha pequena alfombra floral que representará un monumento da Unesco, e co que mostrarán o seu método de traballo e estilo distintivos. Así o salientou Carmen Santos durante o acto, no que que tamén apuntou que “para a Asociación supón unha experiencia inédita coa que pechamos un ciclo de encontros internacionais nos que somos valorados polas nosas técnicas e deseños”.

Concretamente, haberá dúas alfombras: unha na Grand – Place (que se poderá ver do 16 ao 19 de agosto), que foi deseñada pola delegación mexicana e que inclúe algúns dos símbolos máis importantes da cultura tradicional de Guanajuato; e outras na rúa da Bolsa, onde cada país e as delegacións participantes realizarán a súa propia o venres 17. No caso español, o deseño foi confeccionado por Rafa Oliveira, membro da delegación bueuesa, e inclúe edificios patrimonio da humanidade de cada unha das autonomías que forman parte da Comisión Xestora de Arte Efémero.

HISTORIA

Oficialmente, a primeira alfombra de flores coa forma actual foi creada en 1971 na Grand Place polo arquitecto de paisaxe Etienne Stautemas.  A súa fama estendeuse e por iso se comezou a realizar noutros lugares non só de Bélxica, senón de todo o mundo.

Este ano, o evento coincide co vinte aniversario da Declaración da Grand Place como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e para os e as alfombristas, “é un encontro de referencia da arte efémera”.