A ampla participación da mocidade nas actividades de Nadal impulsará un grupo de participación
Desde a Concellería de Cultura faise un balance moi positivo da programación e actividades que tiveron lugar durante o Nadal na vila e na que se incluíron propostas diversas e para todos os públicos, co obxectivo de dinamizar as festas de Nadal.
Destaca a variedade de propostas incluídas no programa fomentaron de maneira transversal a solidariedade, a igualdade, a lingua, a lectura ou a sostibilidade arredor de diversas temáticas.
Os espectáculos e actividades do Centro Social rexistraron moi boa asistencia con varios cheos, como foi o caso do Mago Noel, o espectáculo de circo Abracadaver, ou as badaladas miúdas, do que gozaron máis de 200 crianzas, respectivamente. Tamén foi o caso da estrea do documental “A última dorna de Ons”.
A asistencia tamén foi moi positiva nas actividades de Cela, Meiro ou Beluso, poñendo de relevo a importancia de seguir ofrecendo un programa descentralizado, con actividades en diferentes lugares. O mesmo foi o caso das actividades nas salas da Piscina Municipal, como a festa “Emociónate co Nadal de Bueu”.
Participación Concurso Decoración
Así mesmo, neste ano púxose en marcha o primeiro concurso de decoración de Nadal, que contou con preto de 30 participantes e que confirmou o interese da veciñanza en iniciativas deste tipo. É unha maneira moi atractiva de fomentar a participación de toda a sociedade nestas festas e de dinamizar a decoración. Así, desde a Concellería traballarase na posta en marcha dunha segunda edición, na que se recollerán tamén algunhas suxestións para impulsar aínda máis este certame.
Actividades Piscina
Por outra banda, destaca tamén a posta en marcha da iniciativa “Un nadal de lecer”, con diversos obradoiros nas salas da Piscina Municipal. Especialmente, a proposta de actividades lúdicas para a mocidade, con diversos xogos e pola que pasaron arredor de 100 persoas, constatando o interese da mocidade en contar cun espazo permanente onde poidan realizar actividades de lecer. Así, desde a área de Mocidade comezarase un grupo de participación coa xente moza para seguir afondando nas súas necesidades e intereses.
Tamén gozaron dunha boa acollida as propostas deportivas, que fixeron que tiveramos unha programación completa e que serviron tamén para detectar novos intereses. Este foi o caso do Torneo de Ping-Pong, a través do cal agora se impulsará un espazo para a súa práctica no Pavillón de Bueu e no que xa se creou un grupo de práctica.
Cabalgata
Por outra banda, destaca tamén a boa acollida e o impacto positivo que tivo o día 5 a cabalgata de Reis, da que gozaron persoas de todas as idades e que referenda a identidade da vila ao contar cunha cabalgata que pon en valor a súa cultura mariñeira. Como vén sendo habitual, seguiremos apostando por esta vertente. Foi unha proposta dinámica, chea de animación e música nun desfile no que participaron arredor de 200 persoas. Non só foi importante a chegada dos Reis Magos, senón tamén os recibimentos a Papa Noel e o Apalpador que completaron o programa.
Colaboración
É importante destacar tamén o agradecemento a todas as persoas e colectivos que participaron e colaboraron nas actividades xa que entre todos e todas fixemos que Bueu contara cun calendario moi extenso de actividades e dun interese cultural moi amplo.
Iluminación e decoración
Resultou positiva tamén a decoración de Nadal de espazos como a Praza de Abastos ou o Estaleiro de Purro, así como a mellora noutros lugares. Por outra banda e de cara o próximo Nadal reforzarase a iluminación das rúas coa licitación do alumeado de Nadal. Ademais, de cara a próxima organización tamén se realizarán reunións periódicas co comercio para atender a diversas propostas.