Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A AECC e o Concello poñen en marcha un novo curso de deshabituación tabáquica

  • As inscricións poderán facerse ata o 15 de xaneiro a través do teléfono 9863990029 (ext. 2) ou no enderezo electrónico comunicacion@concellodebueu.gal

Tras o éxito da primeira edición, a Xunta Local da AECC de Bueu e o Concello de Bueu organizan un novo curso de deshabituación tabáquica. As persoas interesadas neste programa xa se poden anotar chamando ao número de teléfono 986390029 (ext. 2); enviando un correo electrónico a comunicacion@concellodebueu.gal ou de forma presencial no segundo andar da Casa do Concello de Bueu, ata o 15 de xaneiro.

O programa para deixar de fumar da AECC, que ten unha taxa de éxito do 60%, desenvolverase os martes e xoves desde o 30 de xaneiro ao 12 de marzo no Centro de Benestar Social (rúa Eduardo Vincenti, nº28), previas entrevistas con cada unha das persoas inscritas. Este curso é gratuíto, aínda que as e os participantes deberán deixar un depósito de 60 euros, co obxectivo de asegurar a súa presenza en tódalas sesións, e que se devolverá no caso de non faltar a ningunha. Por cada falta non xustificada retiraranse 6 euros, ata un máximo de tres faltas, a partir da cal perderase o depósito total.

Durante este tempo, irase facendo unha redución gradual do consumo de cigarros, ata deixalo totalmente cara a metade do curso. Facilitaránselles aos usuarios e usuarias diferentes ferramentas e técnicas que xa demostraron a súa eficacia. Posteriormente, traballarase na prevención de recaídas.

Actualmente, o tabaco é a primeira causa de morte evitable nos países desenvolvidos. Está relacionado directamente con máis de 15 tipos de cancro diferentes. No ano 2017 detectáronse en España 28.645 novos casos de cancro de pulmón, dos cales 2.003 foron en Galicia e 634 en Pontevedra. Galicia é a segunda Comunidade Autónoma onde hai menos fumadores. O ano pasado, a AECC axudou en toda España a preto de 4.000 persoas a deixar de fumar.