O Concello de Bueu convoca a Mesa da Sanidade para o próximo luns
- O encontro, que terá lugar ás 19.00 h no salón de plenos da Casa Consistorial, contará co xerente da EOXI Pontevedra Salnés amais dos grupos da corporación e colectivos da vila
- Desde o Concello fletarase un autobús para a manifestación da sanidade prevista para o 9 de febreiro en Compostela
O Concello de Bueu acollerá o próximo luns, 27 de xaneiro, a Mesa da Sanidade, na que estarán representados os voceiros dos grupos municipais, representantes do Centro de Saúde e as asociacións veciñais da vila e á que está confirmado que asista o xerente da EOXI Pontevedra – Salnés, José Ramón Gómez Fernández. Nesta mesa, da que xa se mantivo unha primeira xuntanza en outubro do pasado ano, é seguir debatendo arredor do estado da sanidade da vila e tentar solucionar as principais demandas sociais. Precisamente nesta reunión, prevista para o luns ás 19.00 h no salón de plenos da Casa Consistorial, volverase abordar a necesidade de que se cubra a vacante do segundo pediatra, xa que desde outubro toda a rapazada da vila debe ser atendida por unha soa profesional, o que repercute en longas listas de agarda e en servizos saturados.
O goberno local apoia todas as demandas dos profesionais do PAC de Bueu e por iso, co obxectivo de visibilizar máis as protestas en pro dunha atención primaria digna, vaise colocar unha pancarta no balcón do edificio do Concello, e tamén se poñerá a disposición da cidadanía un autobús gratuíto para asistir á manifestación do próximo 9 de febreiro na cidade compostelá. As persoas que desexen asistir deberán reservar previamente a través dos teléfonos 986390029 / 673256450 (ten whatsapp) ou no enderezo electrónico comunicacion@concellodebueu.gal. O autobús sairá ás 10.30 h das inmediacións do Centro Social do Mar.