Comezan as obras de mellora das beirarrúas do Polígono Industrial de Castiñeiras
Esta semana arrancaron as obras de mellora das beirarrúas no Polígono Industrial de Castiñeiras, que contan cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego Industria, e dos remanentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O alcalde e o arquitecto técnico municipal puideron comprobar o inicio desta actuación que vai supoñer a renovación dos espazos de tránsito de peóns, sobre todo nunha zona moi empregada pola cidadanía que a diario fai deporte.
No proxecto técnico detállase que se reformarán espazos deteriorados nunha lonxitude total de 2023,5 metros. Consta de dúas actuacións: a primeira consiste na renovación das beirarrúas, nas que se dá un uso intenso e a presenza de maleza nos espazos baleiros entre as naves; e na segunda, delimitarase unha especie de senda peonil a cada lado da EP-1301, que é a estrada que atravesa o polígono de Castiñeiras.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, destaca a importancia desta obra que “busca mellorar a seguridade vial e a accesibilidade neste espazo, e que era unha vella demanda da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial”.
A empresa adxudicataria é Construcciones E.C. Casas cun orzamento de 63.616,68 €, IVE engadido.