Rematan as obras de mellora da accesibilidade ás praias de Petís e Pescadoira
O Concello de Bueu rematou as obras de mellora da accesibilidade ás praias de Petís e Pescadoira. A actuación, subvencionada pola Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia e con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, permitiu pavimentar con formigón impreso arredor de 780 metros cadrados na contorna da Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira.
A obra levouse a cabo por parte da empresa Pavimentos Industriais Fonteca SLU, que resultou adxudicataria cun orzamento de 30.855 €. Segundo o rexedor, “trátase de acometer a mellora ambiental da fronte marítima de toda a Avenida Montero Ríos a través de diversas actuacións”.
Con esta actuación mellorouse a accesibilidade a estes dous areais situados no centro da vila e moi visitados pola cidadanía local e tamén polas persoas que nos visitan ano a ano. Así mesmo, serve para modernizar urbanisticamente o entorno ata convertelo nun elemento potenciador do extreme este do paseo marítimo, e para poñer en valor as instalacións deportivas co fin de contribuír á promoción e desenvolvemento do deporte náutico.
Os traballos que se levaron a cabo son durante dúas semanas son: a limpeza mecánica mediante a aplicación sobre a superficie de lanza de auga a presión, e o pavimento continuo de formigón impreso.