Comezan as obras de mellora do firme entre Meiro e Ermelo
Félix Juncal, alcalde de Bueu e concelleiro de obras, visitou este mércores as obras de mellora de firme que a empresa Construcciones Obras y Viales SA (COVSA) está levando a cabo na EP- 1306, concretamente entre os lugares de Meiro e Ermelo. Esta actuación, contratada pola Deputación de Pontevedra, consiste na pavimentación entre a Casa da Aldea de Meiro e Ermelo e tamén comprende a sinalización horizontal e vertical, e consta dun orzamento de 225.000 €.
O alcalde salienta a importancia deste proxecto que supón dar por cumprida unha demanda veciñal de hai moitos anos. “Neste vial comezará a plantexarse a mellora no ano 2002 e quedou esquecido por parte da entón Deputación, ata que nestes últimos tempos desde o goberno local e a administración provincial se recuperou”, apunta. Así, a partir de aí, a Deputación foi a encargada de tramitar o correspondente proxecto de mellora de firme que se está executando actualmente e que vai permitir unha maior calidade de vida para a cidadanía. Así mesmo, agárdase que proximamente se leve a cabo a reforma no primeiro tramo desta estrada, entre o cruce de A Portela e a Casa da Aldea de Meiro.