O Concello de Bueu recibe este mércores aos grupos parlamentarios para tratar o acceso da veciñanza de Ons á Illa
Félix Juncal, alcalde de Bueu, reunirase este mércores con representantes dos grupos parlamentarios para tratar de buscar unha solución sobre o acceso da veciñanza á Illa de Ons. Na xuntanza, convocada para as 13.00 h no salón de plenos da Casa Consitorial de Bueu, está confirmada a asistencia de Luís Bará, do grupo do BNG, María Luísa Pierres, polo PSOE, Marcos Cal, de En Marea, Jacobo Moreira, polo PP, e Luís Villares, polo grupo mixto. A este encontro están convidados tamén os voceiros dos grupos municipais.
O Concello de Bueu leva varios meses reclamando o dereito da veciñanza a acceder libremente á Illa de Ons, unha petición que levou a aprobar unha proposta conxunta de todos os grupos da corporación municipal (BNG, PP, ACB e PSOE), na que se poñía o anterior de manifesto.
A partir da entrada en vigor do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas (PRUX), presentáronse alegacións a fin de que se aclarasen algunhas cuestións do mesmo, sobre todo en relación coa aplicación do cupo e do sistema de carnés nominativos para a veciñanza. Sobre este asunto tamén se solicitaron en varias ocasións reunións coa Directora Xeral de Patrimonio Natural, a última fai unha semana.
Desde a corporación defenden que os veciños e veciñas da Illa non poden ser considerados como visitantes e que, polo tanto, debe permitírselles acceder con total liberdade ás súas vivendas, non só aos concesionarios/as senón tamén ao seu entorno e círculo familiar, xa que eles e elas constitúen elementos fundamentais de Ons e forman parte do seu patrimonio vivo e inmaterial.
No último encontro que mantiveron os grupos municipais da corporación de Bueu na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra o pasado 27 de xuño, a Directora Xeral de Patrimonio Natural deixou claro que a proposta pasa necesariamente pola implantación obrigatoria do sistema de carnés para as persoas de Ons e o seu entorno familiar á Illa, así como a ampliación das persoas beneficiarias de dito carné e tamén da posibilidade de que as concesionarias/os poidan contar coa autorización dun grupo de amizades de seis persoas. Tanto desde o Concello como desde a propia veciñanza consideran esta medida como insuficiente e que segue vulnerando os dereitos de libre acceso da veciñanza á Illa. É por iso que se convoca esta reunión, para buscar solucións alternativas a esta problemática.