Bueu celebrará o 22 e 23 de xuño a Festa das Alfombras Florais, declarada de Interese Turístico Galego
- A programación inclúe música da man de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e a orquestra Johnny Maquinaria, ademais dos tradicionais actos relixiosos e os tapices florais inspirados na música
- O Concello de Bueu solicitou o deseño do cartel ao artista local Luís Davila, quen o define como “unha composición tipográfica, de vertente pictórica que lembra o espírito das alfombras”
Máis de cincuenta alfombras encherán de cor e arte as rúas da vila de Bueu con motivo da celebración da Festa das Alfombras do Corpus, que se celebrará a fin de semana do 22 e 23 de xuño e na que as persoas visitantes poderán gozar dos tapices así como dunhas xornadas con música e diversas actividades. Esta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia e organizada pola Asociación Cultural das Alfombras de Bueu e o Concello, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Axencia Galega de Turismo e A Banca, busca poñer en valor a tradición e vinculala coa cultura, para chegar a todas as franxas de idade da poboación. Así o detallou o concelleiro de cultura, Xosé Leal, durante a rolda de prensa celebrada este xoves, na que estivo acompañado do alcalde Félix Juncal, da presidenta da Asociación das Alfombras, Carmen Santos, e do ilustrador gráfico e autor do cartel desta edición, Luís Davila, máis coñecido como “O Bichero”.
O rexedor destacou que “hai que recoñecer o bo traballo levado a cabo pola Asociación, que xustamente cumpre cinco anos de vida, e que recuperou unha tradición que se atopaba agonizante”. Félix Juncal declarou que “os valores de colaboración, esforzo compartido e intercambio xeracional son os que se fomentan desde a asociación, e por iso o Concello apoia este proxecto coa achega dunha subvención nominativa de 12.000 €”.
Pola súa banda, Xosé Leal avanzou que o programa arrancará o sábado co concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que terá lugar ás 22 horas no exterior do Centro Social do Mar, financiado no marco do programa da Deputación de Pontevedra Musigal. O espectáculo contará con quince músicos en escena para recrear un directo poderoso coa colaboración tamén de doce cantoras e percusionistas. Como se definen na súa páxina web, “humildes e poderosos a un tempo… Adufes, pandeiretas, cunchas, pandeiras… Todo un exército de parches para montar unha foliada de dimensións ciclópeas”. Ese mesmo día, ás 10 horas, a asociación realizará na pista da Banda do Río unha alfombra infantil sobre a “Banda de Vilacendoi” de Xulio Gayoso, na que se convida a participar aos pequenos e pequenas da vila.
Luís Davila, quen deseñou o cartel desta edición a petición do Concello de Bueu, destacou que “busquei unha composición tipográfica, cunha similitude especial ás alfombras, polo que ten unha vertente máis pictórica”. O ilustrador bueués tamén confeccionou tres personaxes alfombristas (entre os que está a mítica Dora das viñetas do “Bichero”) que serán empregadas para un photocall que estará dispoñible polas rúas da vila durante o evento.
O domingo, a vila lucirá coas alfombras florais con temática musical durante todo o día. Segundo salienta Carmen Santos, presidenta da Asociación, “este ano solicitamos a colaboración da cidadanía para crear esta obra colectiva que se mantén desde fai 106 anos”. O percorrido será de 1,5 quilómetros e irá desde Eduardo Vincenti, Pazos Fontenla, Francisco Escaneo e Montero Ríos.
Xa pola noite, os festexos culminarán coa actuación da orquestra Johnny Maquinaria, que se poderá ver ás nove e media da noite no exterior do Centro Social. Así mesmo, esta festa contará con actos relixiosos, sendo un dos máis destacados a misa solemne e procesión.
As alfombras florais, protagonistas da vila
A Asociación das Alfombras de Bueu leva desenvolvendo unha importante labor a prol da recuperación da tradición floral da vila morracense. Por iso, dende a súa creación no 2015, organizaron diversas xornadas específicas que inclúen conferencias, exposicións e galas de homenaxe aos alfombristas máis veteráns.
Seguindo con esta importante labor, tamén promoven ao longo do ano obradoiros para os máis pequenos/as nos centros de ensino e para os maiores dos centros de día da vila. Así mesmo, membros da entidade teñen participado en encontros internacionais en Malta ou San Valentino Torio, entre outros, espallando a arte característica desta vila polo mundo adiante.
A historia do Corpus e das alfombras florais en Bueu
No municipio de Bueu, a celebración da festa do Corpus remóntase ao século XVII. A partir da documentación máis antiga atopada na parroquia –libros da Confraría do Santísimo Sacramento dende 1740- dedúcese que xa existía con anterioridade.
Durante todo este tempo, a procesión que se realiza despois da misa evolucionou moito, tanto no seu percorrido como nos elementos empregados na mesma. Nun principio, o Santísimo limitábase á igrexa, onde había rodas de adoración por parte dos fregueses. Despois, esta ampliouse cunha procesión arredor do adro da igrexa, e con posterioridade, ás zonas próximas.
Con todo, e malia a súa antigüidade, o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950, unha vez que se asfalta o camiño de Ramón Bares. Unha das costumes que máis lembran os veciños e veciñas da vila son as tradicionais carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.
No ano 2015 nace a Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu, colectivo que logrou revitalizar a tradición das alfombras na vila, cambiando algunhas cuestións para que o percorrido fose máis céntrico e visual, e que atraese a máis visitantes.
Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.