A corporación de Bueu aproba unha declaración de apoio á veciñanza da Illa de Ons
-
A moción conxunta defende o libre acceso dos veciños e veciñas e do seu círculo e entorno familia á Illa
A corporación local de Bueu aprobou na sesión plenaria celebrada este luns no Centro Social do Mar unha declaración institucional de apoio á veciñanza da Illa de Ons, para reivindicar o seu libre acceso á Illa. Na moción, aprobada por unanimidade tras ser consensuada nunha Xunta de Voceiros e nunha reunión coa veciñanza, acordouse esixir á Xunta de Galicia o recoñecemento das veciñas e veciños de Ons e o seu círculo e entorno familiar como elementos fundamentais de Ons, comprometéndose a garantir o exercicio dos seus dereitos, entre os que está o libre acceso á Illa, tal e como foi sempre. Ademais, o segundo punto instaba á creación e convocatoria dunha comisión mixta na que se consensúen as principais decisións sobre a Illa de Ons, e na que estea representada a veciñanza, o Concello e a Xunta de Galicia.
Félix Juncal, alcalde da vila, declarou que “é a Xunta de Galicia a que ten que resolver o problema que ela creou” en referencia ás restricións no acceso impostas ao entorno e círculo familiar da veciñanza. Así, nos antecedentes da proposta aprobada no pleno, lémbrase que fai unhas semanas a veciñanza recibiu unha comunicación postal na que se anunciaba a limitación do acceso, podendo acceder ás vivendas “os ascendentes e descendentes (dende tataravó a tataraneto) do titular da concesión”, deixando fóra aos irmáns, sobriños e demais entorno familiar, o que se trata “dunha decisión arbitraria e limitativa, e que non se recolle no PRUX”.
A fin de marcar os seguintes pasos a seguir, este mércores está convocada unha nova xuntanza coa veciñanza da Illa de Ons, que se celebrará no Centro Social do Mar ás 18.30 horas.