O Concello de Bueu convoca unha reunión coa veciñanza da Illa de Ons
-
A xuntanza terá lugar o próximo venres, 12 de abril, ás 18.30 h no salón de plenos da Casa Consistorial
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, convoca a todas as veciñas e veciños da Illa de Ons a unha reunión que se celebrará o vindeiro venres, 12 de abril, ás 18.30 h no salón de plenos da Casa Consistorial. O motivo da xuntanza é escoitar as demandas da cidadanía e explicar os trámites que o Concello leva a cabo para defender os intereses sociais neste espazo.
Juncal mostra o seu malestar pola falta de “lealdade institucional” da Directora Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Ana María López, quen a pasada semana mantivo unha reunión en Bueu cun grupo de veciños e veciñas para informar sobre a xestión do cupo na Illa de Ons. O rexedor destaca que o 26 de febreiro deste ano se solicitara desde a alcaldía unha reunión ao responsable do Parque Nacional das Illas Atlánticas co fin de aclarar precisamente “o proceso de petición e xestión dos carnés dos concesionarios/as”, así como para “posibles dúbidas sobre a aplicación do Plan Rector de Usos e Xestión na illa bueuesa para toda a veciñanza. Ante a falla de resposta, o alcalde salienta que “non é xusto que se informe a unhas poucas persoas e non á totalidade, que era o que nós solicitaramos”.
O goberno local defende que o cupo debería de ser máis amplo e sen restricións a fin de que a veciñanza vexa satisfeitas as súas necesidades reais. O Concello leva xestionado diversas demandas ao longo dos anos sempre na defensa dos dereitos dos illáns e illás. Así, nos últimos tempos destaca a reunión mantida coa Directora Xeral antes da redacción do PRUX, as alegacións ao mesmo, a petición de constitución dunha “mesa por Ons” ou os recorrentes escritos relativos á necesidade do subministro de servizos básicos de luz e auga na totalidade das vivendas.