A corporación bueuesa mostra o seu apoio ao comedor social cangués e á pesca artesanal
A corporación local bueuesa celebrou este luns a sesión plenaria correspondente ao mes de abril, na que se aprobaron dúas mocións conxuntas. A primeira, cuxo texto parte da Confraría de Pescadores de Bueu, é para demandar a exención da pesca accidental, dentro da modalidade de pesca artesanal, do sistema de Tacs e cotas implantado pola UE. Dada a desigualdade de trato que está sufrindo a pesca artesanal nos últimos tempos, o alcalde salientou que “debemos estar ao lado dos mariñeiros”. Apoiada polos grupos do BNG, PP, PSOE e ACB-SON, a proposta contén tres acordos: promover e consensuar as medidas necesarias para materializar a exclusión das capturas accesorias ou accidentais da frota artesanal do sistema de Tacs e cotas, dada a súa multiespecificidade e escaso impacto no estado dos recursos mariños; requirir un tratamento distinto e diferenciado da xestión das posibilidades de pesca da frota artesanal con respecto ás frotas industrial e/ou semiindustrial; e continuar reclamando que a pesca artesanal quede exenta da obriga de desembarque.
A segunda das mocións aprobadas por unanimidade foi a de apoio ao comedor social de Cangas, rexentado pola Asociación de Caridade Santiago Apóstolo ao longo de 10 anos. Dito comedor localízase en Cangas nun baixo alugado, pero en decembro de 2018 foi pública a saída a poxa por débedas bancarias da persoa propietaria do inmoble no que se prestan os servizos de comedor diariamente.
No mes de xaneiro, o dito baixo vendeuse a un fondo inmobiliario de capital estranxeiro, que non coñece nin sabe que unha das propiedades mercadas está sendo ocupada por unha asociación que dá de comer diariamente a máis de 100 familias de tres concellos. Concretamente, segundo os datos consultados polo alcalde, son catro as persoas de Bueu que acoden diariamente a este comedor e dúas de xeito esporádico.
No pleno tamén se aprobou a continuidade da actual xuíza de paz por unanimidade e un recoñecemento extraxudicial de créditos cos votos a favor do goberno local.
Moción apoio comedor social Cangas