O Concello de Bueu entrega os premios dos certames educativos ‘A igualdade no traballo’
-
O Centro Social do Mar foi o escenario do acto no que alumnado do IES Illa de Ons realizou unha representación baseada na obra Os Miserables, de Víctor Hugo
O Centro Social do Mar de Bueu acolleu este luns,11 de marzo, o acto de entrega dos premios ao alumnado gañador dos certames de viñeta, ilustración e literario “A igualdade no traballo”, organizado pola concellaría de igualdade e o Centro de Información ás Mulleres, e que ten como obxectivo fomentar a reflexión sobre a igualdade desde a educación. Antes da entrega, un grupo de cincuenta rapaces e rapazas do IES Illa de Ons representaron un fragmento da obra de Víctor Hugo, Os miserables, desde unha visión feminista e adaptada á actualidade. Tal e como salientou o director do centro, “trátase dun proxecto multidisciplinar no que traballamos tardes e recreos e que se estreará en xuño”.
A continuación tivo lugar a entrega dos agasallos aos rapaces e rapazas gañadoras. No XIII concurso de viñeta e ilustración, existen dous primeiros premios para a ESO, concretamente para os deseños de Carlos López Menduíña (imaxe elixida para a campaña de Educación Non Sexista do 2020) e o de Damián González Fernández, ambos de 1º da ESO do IES Johán Carballeira. E para primaria, o primeiro premio foi para Sara Curra Cordero, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra. Ademais, acadaron mencións especiais os debuxos de Anxo Rodríguez Juncal, de 6º de primaria do CEIP A Pedra, Inés Lobeira Soage, de 6º de primaria do CEIP Torre de Cela, Xiana Dios García, de 6º de primaria do CEIP A Torre de Cela, Alba Villar Cerviño, de 1º de ESO do CPR Virxe Milagrosa, e Cristina Davila Otero, de 3º da ESO do CPR Virxe Milagrosa.
No tocante ao II Certame Literario, de entre os 58 presentados, o xurado decidiu outorgar mencións especiais a Laura Pérez González, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra pola súa biografía de Ana María Soto Landeira, Raquel Martínez Badea, de 2º da ESO do IES Johán Carballeira, pola poesía titulada “Bolboretas en xardíns de araña”, e Antía Novas Arribas, de 3º da ESO do IES Illa de Ons, pola biografía de Christine Pizán.
Antes do remate do acto, os e as asistentes gardaron un minuto de silencio polas dúas últimas mulleres asasinadas pola violencia machista. O alcalde salientou que “o ensino e o feminismo son as pedras angulares para transformar a sociedade”, e que “homes e mulleres debemos estar comprometidos co cambio”.
PODEDES VER OS TRABALLOS GAÑADORES AQUÍ.