O Concello de Bueu comeza as obras de mellora integral do Parque Ramal dos Galos
-
As obras están sendo acometidas por parte da empresa Rocas Graníticas del Condado SL, cun orzamento de preto de 20.000 €
O Parque Ramal dos Galos lucirá pronto unha imaxe renovada, despois das obras de mellora integral que esta semana comezou a levar a cabo a empresa Rocas Graníticas del Condalo SL cun orzamento de preto de 20.000 €, con cargo a fondos municipais. No proxecto inclúese a renovación do pavimento do parque, co que se solucionarán os problemas de afundimento e se completará a zona de formigón con adoquín. Así o salientou o alcalde da vila, Féliz Juncal, na súa visita ás obras este venres, onde avanzou que tamén se vai proceder a unha limpeza integral do espazo así como á renovación dos seus aspectos patrimoniais, do parque infantil e do pintado das varandas exteriores. E no que atinxe á biblioteca, na parte inferior da mesma estase estudando a posibilidade de pintar un mural inspirado na figura de Gonzalo Torrente Ballester.
Estas obras forman parte dun plan integral de mellora dos parques da vila bueuesa, no marco do cal se renovaron e se crearon novas áreas de xogos con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación. Así mesmo, o Parque Ramal dos Galos continuará sendo un “espazo de referencia” coa organización de diversos eventos culturais e deportivos, que permitirán a convivencia interxeracional.
Entre as últimas obras que se levaron a cabo neste lugar están a instalación de aparatos biosaudables neste espazo e a pavimentación do vial colindante.