O Concello de Bueu apoia a II Feira da Ciencia e da Literatura
-
Félix Juncal, alcalde da vila, mantivo este martes unha reunión coas responsables deste proxecto impulsado por segundo ano consecutivo desde o IES Johán Carballeira
-
O evento celebrarase o 4 de maio na céntrica Praza Massó e buscará visibilizar ás mulleres na ciencia e na literatura
Tras o éxito do pasado ano, o Concello de Bueu volverá apoiar a II Feira da Ciencia e da Literatura, un proxecto educativo e social que nace desde o IES Johán Carballeira e que buscará visibilizar o papel das mulleres na ciencia e na literatura. Precisamente, este martes o alcalde da vila, Félix Juncal, mantivo unha reunión coas responsables deste evento que se celebrará o 4 de maio de 2019 na Praza Massó.
Con todo o curso por diante para traballar, Carmen Miñambres, coordinadora da biblioteca escolar do instituto, e Noelia Lamosa, vicedirectora, mostraron a súa ilusión e xa adiantaron que nesta edición participarán todos os centros educativos do municipio. A dinámica da feira será semellante ao pasado ano, coa presenza de diversos postos nos que se analizarán os libros propostos, os cales serán traballados ao longo do curso polos alumnos e alumnas. Así, entre os títulos desta edición están La señorita Bubble e A vida secreta das mulleres planta, ambos de Ledicia Costas, La clave secreta del universo, de Lucy E. Stephen Hawking, Marie Curie: la actividad del radio, de Jordi Bayarri, Cando Verne amarrou en Vigo, de Francisco Climent, La vuelta al mundo de un forro polar rojo, de Wolfgang Korn, De la tierra a la luna, de Jules Verne, La cuchara menguante, de Seam Kean.
Desde a organización destacan que durante os próximos meses se traballará na programación, na que ademais de libros atoparemos outras actividades como contacontos, actuacións musicais, charlas e presentacións.
Esta iniciativa xurdiu o pasado ano coa idea de relacionar a ciencia coa literatura, dúas disciplinas a miúdo moi afastadas pero que teñen moito en común. Ademais, tamén se busca divulgar o traballo que se fai desde os centros educativos e achegalo ao conxunto da sociedade.
Ao remate da xuntanza, as responsables do centro aproveitaron para trasladarlle ao rexedor a proposta de nomear unha rúa de Bueu co nome de “Clara Aldán”, e que presentarán proximamente de forma oficial.
0 Comentario(s)