O pleno aproba a adxudicación das obras da piscina municipal a Obras y Servicios Gómez Crespo
-
O importe de adxudicación é de 2.259.281,75 €, IVE engadido, e saíu adiante cos votos a favor do goberno local
-
Na sesión tamén se levou unha moción sobre o apoio á enfermidade da endometriose
O pleno da corporación municipal de Bueu aprobou este martes a proposta de adxudicación do contrato das obras da piscina municipal a Obras y Servicios Gómez Crespo por un importe de 2.259.281,75 €, IVE engadido, e que será construída na zona das Lagoas. Esta obra foi tramitada desde o seu inicio polo pleno dado o elevado investimento do mesmo, e por iso o acto de onte serviu para que o expediente de contratación quede listo e, tras a sinatura do contrato, as obras poidan comezar proximamente, aínda que soamente saíu adiante cos votos a favor do goberno local, rexentado polo grupo do BNG.
Este proxecto, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, será pronto unha realidade e suporá un aumento do nivel de saúde e deportivo das persoas, posto que será unha instalación na que a piscina propiamente dita se acompañará de diversas salas polivalentes nas que se fomentaría a práctica doutros deportes. Polo tanto, e como xa se ten destacado en diversas ocasións, non se trata só dunha instalación deportiva, senón que contará cunha forte compoñente relacionada coa potenciación de hábitos saudables, cada vez máis presentes e demandados entre a poboación.
Por outra banda, na sesión plenaria de onte tamén se debateu unha moción presentada polo grupo municipal ACB-SON relativa á mellora da mobilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas. Con todo, o grupo de goberno salientou que “chega tarde posto que xa estamos traballando desde fai meses nunha subvención da Deputación de Pontevedra encamiñada a redactar un Plan de Mobilidade Urbana Sustentable”. Neste plan bosquexaríanse as liñas de traballo dos vindeiros anos en materia de espazo público, e tería como eixos vertebradores a accesibilidade e a recuperación dos peóns como protagonistas. Por iso, a moción non se aprobou xa que só obtivo os votos a favor de ACB-SON e do PP.
Fóra do orde do día levouse tamén unha proposta conxunta dos grupos do BNG e ACB-SON (apoiada no pleno tamén polo PP) en relación co apoio á enfermidade da endometriose, que cada vez afecta a máis mulleres e na que é necesario un maior apoio por parte do sector sanitario, tal e como solicitan desde a Asociación QuerEndo. Mulleres con Endometriose. Entre as medidas que se aprobaron están a de instar aos organismos competentes a ampliar o apoio na detección desta doenza cuxo período medio é de oito anos, e de ampliar a información sobre a mesma e os seus síntomas.