A Escola de Sanamedio acollerá un curso de monitor de fútbol base
-
O curso, impulsado pola CD Beluso e a Federación Galega de Fútbol, arrancará o 24 de setembro de luns a xoves en horario de 20.00 a 23.00 horas
-
A inscrición deberá realizarse a través da páxina web da Federación Galega de Fútbol
A antiga Escola de Sanamedio (Bon, Beluso) acollerá a partir do 24 de setembro un curso intensivo de monitor deportivo de fútbol base, impulsado dende a Cultural Deportiva de Beluso e a Federación Galega de Fútbol, coa colaboración do Concello de Bueu. O horario será de luns a xoves de 20.00 a 23.00 horas, e terá unha duración de vinte días.
O obxectivo é formar a quince futuros adestradores dos equipos das categorías base buscando dotalos de criterios técnicos e formativos, a fin de desenvolver a súa tarefa nesas importantes etapas da construción dun futbolista.
O prazo de inscrición está aberto desde o 10 de setembro durante quince días e deberá facerse a través da páxina web da Federación Galega: www.futgal.es.
No acto de presentación, que se celebrou o pasado venres no Campo de Fútbol de Laxes, estiveron presentes Manolo Otero, concelleiro de deportes de Bueu, Antonio Castro, presidente da CD Beluso, Ángel Nogueira, secretario do club, e Manuel Mosquera, director da Escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol.