Este venres arranca en Bueu unha nova edición da Ruta das Tapas Cinco Estrelas
-
Esta iniciativa nace como unha colaboración entre a concellaría de promoción económica e o FICBUEU, co obxectivo de unir o cinema coa gastronomía da vila durante a semana do festival
Para os padais máis exquisitos e que gusten da gastronomía, a concellaría de promoción económica, organiza en colaboración co FICBUEU, a terceira Ruta das Tapas Cinco Estrelas, na que participan un total de catorce establecementos que ofrecerán as súas propostas entre este venres e o 16 de setembro. A iniciativa nace co obxectivo de unir o cinema coa gastronomía durante a semana do festival, de aí que todos os pratos leven o nome dunha película, tal e como salientou Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo durante a presentación da iniciativa, na que estivo acompañada de Manuel Pena, o director do festival. Pena apuntou que “como novidade, nesta edición contaremos cunha cervexa artesá conmemorativa do festival”.
Félix Juncal, alcalde da vila, salientou que “esta ruta das tapas é a guinda a un proxecto cultural e social como é o FICBUEU, un dos máis interesantes e importantes, que conta co aplauso unánime de todas as persoas da vila e as que nos visitan”.
En concreto, A Centoleira anímase con “Titanic”, A Cepa con “Pradolongo”, Aturuxo BOK con “O bosque animado”, A Esmorga con “Jiro, dreams of sushi”, a Cafetería Centro Social con “Fariña”, Noite Tapas con “O mapa dos sons de Tokio”, O Pazo con “Patton”, O Ratiño Pequeno, con “Death proof”, Casa Quintela con “Jurassic World”, El Reloj, con “In time”, Rpsalinda con «Tres estaciones», Volver con “Jeux d’ enfants”, O Farol con “Call me by your name” e La Perfecta con “Charlie y la fábrica de chocolate”.
Os petiscos teñen un prezo de 2 euros e o horario para degustalos será de 12 a 14 horas e de 20 a 22 horas.
Como novidade, establécense dous premios para os locais participantes: o Premio do Xurado Internacional, composto por cineastas convidados ao FICBUEU 2018, e o Premio do Público, que será outorgado a partir das valoracións que as e os comensais reflictan no folleto da Ruta das Tapas 5 Estrelas. A clientela terá ademais a posibilidade de gañar unha cea para dúas persoas. Para entrar neste sorteo, que se celebrará o 17 de setembro, deberán completar o selado das cinco estrelas do cupón, ao ir degustando as diferentes propostas, e entregalo no Despacho de Billetes do FICBUEU.