Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Freguifesta de Beluso homenaxear a José Pastoriza Germade e a María José Seijas Pazó polos seus anos organizando as festas patronais

O 15 de agosto o parque Novas albergará unha ruta fotográfica guiada por Xurxo Souto, música tradicional con Trébede, Peter Punk Pallaso e a música de Blues do País e do Trio Verde Menta

A recuperación por parte do Concello de Bueu das festas populares no rural bueués continúa este 15 de agosto en Beluso cun programa festivo e de homenaxe á veciñanza. O departamento de Cultura, baixo o paraugas do proxecto Freguifestas, busca revalorizar o traballo que veu desenvolvendo nos últimos anos a veciñanza que organizada nas comisións de festas levou á verbena as parroquias da vila.

José Pastoriza Germade e María José Seijas Pazó recibirán ás 13.30 horas unha homenaxe pola súa adicación ás festas, xa que se ocuparon en diferentes comisións de organizar os festexos da patroa da parroquia durante tres anos cada un. O acto contará coa actuación das pandereteiras e co baile tradicional de Trébede.

Foto antiga que se vai recrear na Freguifesta de Beluso
Foto antiga que se vai recrear na Freguifesta de Beluso

Antes desta cita, ás 12:00 horas partirá da Escola de Curraces unha nova ruta fotográfica para plasmar o ambiente festivo deste día a través da ollada da fotógrafa Alba Sotelo e cun condutor de excepción como é o músico Xurxo Souto. O artista referente do Rock Bravú e gran recompilador da tradición popular galega rememorará as súas experiencias pasadas en Beluso onde asistiu en varias ocasións convidado pola Asociación de Mozos e Mozas de Beluso acompañado do seu inseparable acordeón. O percorrido desta iniciativa transitará pola rúa Nova cara o parque Novas, onde rematará cunha recreación dunha fotografía antiga do pasado século. Leal destaca que con este acto “queremos que participe a xente de Beluso para por en valor a recuperación da historia dos festexos da vila, cun proxecto que conta cunha web operativa baixo o dominio www.freguifestasbueu.gal e na que se poden ver as fotografías antigas que se están a recompilar, ademais de na que se subirán as feitas este ano”.

Xa pola tarde ás 19:30 horas Peter Punk Pallaso regresa a Bueu tras o seu éxito no pasado Nadal para por en escena o seu espectáculo para toda a familia “Chungo que te cagas”, con maxia e moito humor que fará participar a xente míuda e a non tan cativa. Despois ás 21:00 horas a música tomará o relevo coa actuación do grupo Blues do País. O humor nas súas letras en clave rural na voz de Bieitta James, a gran Diva Rural acompañada por Pepe King, o Blusmanciño, traerá blues en galego a cita de Beluso. A actuación do Trío Verde Menta desde ás 22:30 ata a medianoite porá o broche final a Freguifesta cos sons da verbena.

As vindeiras citas das Freguifestas serán en Ons o sábado 18 de Agosto e rematarase o 25 de Agosto coa de Cela, tras terse celebrado a primeira delas en Ermelo o pasado 25 de Xullo. As persoas que estean interesadas en aportar fotografías de diferentes épocas das festas para o proxecto poden facelo no correo comunicacion@concellodebueu.gal ou freguifestas@gmail.com ou achegándoas ao propio Concello de Bueu.