Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Freguifesta de Ermelo homenaxeará a Manuel Portela e Josefa Juncal pola súa adicación na organización das festas da aldea

A cita do 25 de xullo contará cunha recreación dunha fotografía dos anos 60 na cruz de Ermelo e terá actividades para a rapazada, cantos de taberna e verbena

A recuperación por parte do Concello de Bueu das festas populares no rural bueués arrinca este 25 de xullo en Ermelo cun programa festivo e de homenaxe a veciñanza. O departamento de Cultura baixo o paraugas do proxecto Freguifestas busca revalorizar o traballo que veu desenvolvendo nos últimos anos a veciñanza que organizada nas comisións de festas levou á verbena as parroquias da vila.

Nesta primeira cita, as persoas que recibirán o recoñecemento da aldea a través do goberno local son Manuel Portela González e Josefa González Juncal. O día 25 ás 20:30 horas na recentemente remodelada praza de Ermelo levarase a cabo un acto que busca por en valor ás mulleres e homes que mantiveron esta tradición no rural, e que ante a súa desaparación nos últimos anos o Concello decidiu organizar cun formato que definen como verbenas sostibles, igualitarias e con vocación de por en valor as tradicións, a lingua e o respecto polo medio ambiente. Manuel Portela foi durante dez anos presidente da comisión de festas mentres que Josefa González estivo na última comisión que exerceu na aldea ademais de recoller a tradición da súa nai que sempre fora unha muller activa nestas celebracións con tanto arraigo en Ermelo.

O arrinque dos festexos terá lugar tras a misa que organiza a veciñanza ás 13:00 horas e consistirá nunha ruta fotográfica guiada a partires das 13:30 pola bueuesa Alba Sotelo que estará acompañada por o Bardo Abelardo, un xograr medieval que louvará a tradición do Ermelo desa época na que tiña tanta relevancia, ademais de animar á xente para que se desprace ata a cruz de Ermelo sacando fotográficas do ambiente festivo. Unha vez na propia cruz, a actividade rematará cunha recreación actual dunha instantánea dos anos 60 que se fixo nese entorno, e na que aparecen unha serie de veciños e veciñas da Banda do Río gozando da romaría de Ermelo. Leal destaca que con este acto “queremos que participe a xente que estea en Ermelo para por en valor a recuperación da historia dos festexos da vila, cun proxecto que conta cunha web operativa baixo o dominio www.freguifestasbueu.gal e na que se poden ver as fotografías antigas que se están a recompilar, ademais de na cal se poderán subir as feitas este ano”.

Xa pola tarde ás 18:00 horas será o turno do espectáculo de contacontos para a rapazada da man do propio Bardo Abelardo, que fará fincapé na historia, nas tradicións e no coidado do medio ambiente. Despois ás 19:00 horas o grupo morracense Vento Mareiro Forza 5 porá a nota musical cos seus sons de cantos de taberna que farán as ledicias do público asistente ata as 20:00 horas. Unha vez feito a posteriori o acto público de homenaxe, pechará a cita festiva a música de verbena do grupo Trío Bahía que fará bailar ao público asistente desde ás 21:30 horas ata a medianoite.

As vindeiras citas das Freguifestas serán en Beluso o 15 de agosto, en Ons o 18 de agosto e rematarase o 25 de agosto coa de Cela. O concello continúa a precisar a colaboración da veciñanza desas parroquias para recompilar as fotografías antigas das festas para o que habilitou un correo electrónico freguifestas@concellodebueu.gal e comunicación@concellodebueu.gal onde se poden remitir as imaxes ou ben solicitar información para que poidan ser escaneadas e entren a formar parte do futuro Albúm Festeiro de Bueu.