O Concello de Bueu solicita unha subvención para a divulgación do patrimonio da Illa de Ons
- O obxectivo é cubrir as necesidades de interpretación de diversos elementos patrimoniais así como conformar unha ruta de sendeirismo circular
O Concello de Bueu vén de solicitar unha subvención á Consellería de Medio Ambiente para divulgar os valores patrimoniais da Illa de Ons. As accións concretas que se van levar a cabo, segundo o concelleiro de medio ambiente, Adrián Ferrer, son cubrir as necesidades de interpretación de varios elementos patrimoniais con moita historia detrás como o Castelo da Roda, o Castro de Castelo dos Mouros, o Xacemento romano de Canexol e Laxe do Crego, entre os que se fará unha ruta de sendeirismo circular, con orixe e fin no peirao de Ons.
A subvención solicitada ascende a un importe de 12.043,13 €, IVE incluído, e con ela preténdese paliar a falla de información turística e interpretativa destes espazos que se atopan mencionados en diverso material xenérico do Parque Nacional, aínda que a maioría non contan con infraestrutura in situ para a súa interpretación e divulgación entre a cidadanía.
Con esta proposta o Concello segue afianzando o patrimonio arqueolóxico, cultural e etnográfico dun espazo con tanta historia como a Illa de Ons, onde hoxe só residen uns poucos veciños e veciñas, pero que no pasado chegou a reunir a cincocentas persoas.