Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu consegue a Bandeira Azul para catro praias, a Aula de Cabo Udra e Agrelo e o Sendeiro de Udra

Acto de izado de Bandeira Azul na praia de Lagos o pasado 2017

  • A edil de turismo, Silvia Carballo, destaca a satisfacción do goberno por “lograr un ano máis revalidar estes distintivos” que fan de Bueu un lugar turística e naturalmente atractivo

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) vén de anunciar as bandeiras azuis para os areais de España durante este verán. Así, o Concello de Bueu mantén as catro bandeiras azuis nas praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán, nas que se valoraron a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Ademais, a vila morracense consegue o distintivo azul para o sendeiro de Cabo Udra e a Aula da Natureza deste espazo, así como para o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 tras ser rehabilitado polo goberno municipal.

O municipio bueués recolle un ano máis os froitos das diversas obras e xestións que se levan realizando para manter este distintivo que concede a ADEAC como un premio aos concellos que realicen unha labor importante no mantemento e acondicionamento do patrimonio natural. Neste senso, a concelleira de Turismo e Promoción Económica, Silvia Carballo, resalta que “conseguimos todas as candidaturas que pretendemos”. Ademais, destaca a satisfacción “por lograr un ano máis revalidar estes distintivos tras o bo traballo e esforzo de veráns pasados na totalidade dos areais”. Con eles, o goberno local agarda ir afianzando un modelo de turismo sostible, que aposte polos recursos naturais, tal e como reflicte o Centro de Udra, que recibe visitas ao longo de todo o ano, por parte de colexios e diversos colectivos que queren coñecer a fauna e flora e a cultura da nosa contorna.

Por último, a edil lembra que estes distintivos son unha mostra do bo estado das praias, non só das de Bandeira Azul, senón tamén das restantes, nas que “agardamos seguir mellorando e implementando os servizos”.