O Concello de Bueu comezará a obra de rehabilitación da Casa Consistorial
O Concello de Bueu adxudicou a obra de rehabilitación da casa consistorial á empresa De Nuevo Punto Creativo S.L., cun importe de execución de 33.615,84 €, IVE engadido. Segundo o salientado polo concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva, é probable que as obras se inicien a próxima semana, para o que farán falta diversas actuacións previas, como é o traslado provisorio dalgúns departamentos municipais. Tal é o caso dos servizos da planta baixa,e por iso está previsto que rexistro pase ao salón de plenos e a continuación, farao intervención, para proceder ás obras de reforzamento da estrutura con formigón, para o que haberá que acondicionar a estrutura informática.
A necesidade de acometer esta actuación,con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra, vén determinada polo mal estado no que se atopan algunhas das dependencias do edificio, que data do ano 1906. A actuación, que ten un prazo de execución de dous meses, vai consistir no reforzamento da estrutura, pintado dalgúns paramentos, renovación do cableado e rede de datos, barnizado do chan de madeira, reparación de portas de paso interior, redistribución do espazo interior, ademais de instalación de ventilación nos aseos da planta baixa e segunda. Así se especifica no proxecto técnico elaborado polo arquitecto municipal, Fernando Baeza, despois da análise de patoloxías realizada a finais do pasado ano pola empresa Bureau Veritas.
Esta obra ten carácter de urxencia, dado que a estrutura na que se asentan as dependencias municipais está obsoleta, tal e como se puxo de manifesto coa análise realizada. O edificio data de 1906 e foi reformado no 2002, cando se creou o segundo andar, onde nestes momentos se atopa a alcaldía, a Axencia de Desenvolvemento Local, e os despachos dos técnicos de urbanismo.
Para esta obra concorreron un total de oito empresas, da que a adxudicataria presentou a mellor oferta económica.