Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A proposta «Bandas da ribeira eríxese gañadora do concurso de ideas da Banda do Río

  • O certame buscaba deseñar as liñas de actuación no barrio cun especial fincapé nas políticas de accesibilidade e de mobilidade
  • A el concorreron dezasete traballos, de entre os que un xurado destacou tamén “Praia, Barrio, Braña”, “Banda Batente”, “Litoralia” e “Convergencia de paisajes”

O proxecto “Bandas da Ribeira”, presentado polo estudo Landlab, laboratorio de paisajes SLP e a arquitecta do Porriño María Fandiño Iglesias, resultou gañador do concurso de ideas da Banda do Río, e farase con 20.000 € para a redacción do proxecto que vai definir o futuro deste barrio a nivel arquitectónico e de servizos. Este martes, 5 de novembro, tivo lugar no salón de plenos da Casa Consistorial un acto público no que se abriron os sobres coa documentación administrativa logo de que o xurado se reunise ao longo das semanas previas para valorar as propostas presentadas e escoller as gañadoras.

Ao certame, que se convocou a comezos de ano, concorreron un total de dezasete traballos nos que as equipas de arquitectos e arquitectas mostraron as súas solucións e ideas para o que será o barrio. Delas, o anteproxecto gañador é “Bandas da Ribeira” que conseguiu unha puntuación de 82 puntos e que recibirá 20.000 €. A segunda mellor puntuación foi para “Praia, Barrio, Braña”, dos arquitectos composteláns Miguel Silva Barral e Manuel Lajos Couselo, con 73 puntos, que se fará con 10.000 €; e a terceira, para “Banda Batente”, do estudo coruñés Costas Pedrós Arquitectos SLP, con Roberto Costas Pérez, Óscar Pedrós Fernández e Fernando Fernández Paéz, con 67 puntos, e un premio de 5.000 €. A maiores, e como se prevía nas bases do certame, outorgáronse dous accésits: un para “Litoralia”, dos madrileños Eduardo Roig Segovia e Nieves Mestre Martínez, con 65 puntos, e 2.000 €; e o último, baixo o lema de “Convergencia de paisajes”, dos barceloneses Narcís Font Juan, Juan José Vargas Castillo, Johana Martínez Pineda e Germán Paipa Camargo, con 61 puntos e 1.000 €.

Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, destacou “a gran calidade das propostas e con enfoques tan dispares e que seguro nutrirán o barrio”. De feito, e como xa anunciou o edil, os traballos presentados vanse expoñer todos na páxina web municipal e tamén nalgún espazo público, co fin de que a cidadanía interesada poida velos con calma.

O xurado integrárono representantes do Concello, técnicos propostos polas asociacións veciñais, Portos de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e outro a proposta dos concursantes. Durante todo o proceso, o tribunal soamente valorou as propostas que viñan identificadas a través dos lemas, e foi neste acto público de hoxe no cal se abriron os sobres para coñecer a identidade dos estudos de arquitectura e enxeñería que resultaron galardoados.

Tal e como se salienta na acta, o xurado puxo de manifesto “o talento, a creatividade e o compromiso dos seus autores/as”. De feito, “cada unha das iniciativas presentadas reflicte unha visión única e un enfoque coidadosamente elaborado, o que fixo deste concurso un verdadeiro reto”. Entre as principais liñas de actuación que se tiveron en conta están a seguridade viaria, un maior tratamento dos aparcadoiros, a renovación das edificacións, de servizos, de iluminación e tratamento do contacto coas vías e coa praia etc.

O concurso é posible grazas a un convenio asinado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e nel participaron equipos compostos por profesionais con competencias na materia de ordenación urbanística e medioambiental. O ámbito de localización comprende o cuadrilátero delimitado polas rúas Johan Carballeira, ata Can do Penedo, incluíndo ambos os lados da Avda Montero Ríos e da rúa Pazos Fontenla, cunha superficie aproximada de 61.500 metros cadrados. Precisamente os proxectos que finalmente se desenvolvan a partir destas propostas seleccionadas deberán cumprir rigorosamente coa normativa vixente e os estándares técnicos aplicables en cada caso, co fin de que teñan un impacto positivo e sostible nas comunidades e no territorio.  Unha vez elixida a proposta gañadora, nas bases tamén se establece que se adxudicará o Plan Director de intervención urbana.

O concurso de ideas supuxo un paso importante para o Concello, pois a través del e de todo o proceso previo anterior recolléronse as múltiples sensibilidades do barrio, tal e como foran acordadas hai anos nas diversas mesas de seguimento coas partes implicadas, é dicir, a Plataforma Veciñal da Banda do Río e a Asociación Veciñal da Banda do Río, colectivos cos que, por certo, se manterá un novo encontro este mércores, 6 de novembro ás 20.30 horas, no salón de plenos, no que participarán tamén os voceiros e voceiras dos grupos municipais.