Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As obras da Escola Infantil Galiña Azul avanzan a bo ritmo

  • A actuación, que supera os 34000 €, pretende acabar cos problemas de filtracións e mellorará a zona de xogos
  • A obra finánciase coa achega municipal que se fai dende o Concello ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

O Concello de Bueu está levando a cabo dende hai varias semanas actuacións de mantemento nos colexios de primaria de cara ao inminente comezo do curso escolar. A obra máis ambiciosa é a da renovación da área de xogos e urbanización da Escola Infantil Galiña Azul, sita no Valado, uns traballos que superan os 34.000 euros e que se financian coa achega municipal que se lle fai ao Consorcio Galego de Benestar e Igualdade. Precisamente, con motivo do inminente remate das obras, esta semana visitaron a zona Félix Juncal, alcalde de Bueu, Xosé Leal, concelleiro de facenda, Isabel Quintás, tenente de alcalde e edil de ensino, Celso Dopazo, de mantemento de vías e centros educativos, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Carmen García, de cultura e infancia e mocidade.

A actuación consistiu na substitución do parque infantil e o incremento da superficie axardinada, e tamén pretende solucionar os recorrentes problemas de filtracións que sofre o edificio. Para iso estase a levar a cabo o saneado de todo o perímetro do edificio, así como a conexión dos diversos espazos de xogos, que se uniformizaron levantando a superficie actual coa  substitución por un caucho de cor e maior calidade, e que se complementará cunha zona de herba. Así mesmo, tamén se cambiou o valado para comunicar os dous patios.

Tal e como xa se destacou en varias ocasións, esta é unha primeira fase dentro dun proxecto de mellora máis ambicioso, co que se pretenden solucionar as deficiencias estruturais que presenta o edificio dende hai moitos anos e que se deben a unha mala execución da obra. De aí que dende o Concello se encargase a elaboración dun informe pericial a finais do pasado ano que se presentou no Consorcio para que se fixese cargo das obras e que ascendían a 170.000 €. Paralelamente, e tras un acordo plenario, tamén se solicitou un cambio no modelo de financiamento para subir a achega municipal por alumno/a a cambio de que o Consorcio asumise o mantemento. Finalmente dende o Consorcio, organismo dependente da Xunta de Galicia, rexeitouse en abril esta posibilidade esgrimindo que a Galiña Azul é de titularidade municipal, e ofrecéndolle ao consistorio bueués que destinase ese diñeiro de achega municipal directamente a sufragar os gastos das reparacións e melloras necesarias, que é a solución pola que finalmente se optou.

Nunha segunda fase, a intención do goberno local é colocar unha cuberta ou unha estrutura vexetal para dar sombra á zona de xogos, e tamén está enriba da mesa a posibilidade de actuar na entrada principal do recinto.

Paralelamente, e de cara ao inminente curso do comezo escolar nos próximos días, os servizos municipais levan varias semanas acometendo arranxos e tarefas de mantemento en todos os centros educativos de infantil e primaria.