Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu repara os tres baños autolimpables e incide na necesidade dun uso responsable da cidadanía

O Concello de Bueu levou a cabo unha reparación urxente e integral nos tres baños autolimpables instalados hai anos no Parque de As Lagoas, Praza Massó e Paseo de María Eugenia na Banda do Río. Estes traballos de posta a punto foron acometidos pola empresa Olprim, encargada do seu subministro, e incluíron basicamente unha actuación contra as pintadas provenientes de actos vandálicos que se detectaron nos últimos meses.

Xosé Leal, concelleiro de facenda, subvencións e contratación pública, comprobou esta semana os traballos canda Carmen García, concelleira de cultura, e dende o goberno local coinciden en que “é preciso que por parte da veciñanza se faga un uso adecuado e responsable dos baños, pois ofrecen un servizo básico e que cómpre coidar todos e todas”. De feito, a maioría dos danos detectados correspóndense con pintadas no interior e exterior, ao que se unen os desperfectos nos elementos das portas e dos aseos que se vinculan cun mal uso.

Despois duns días sen servizo debido a estes traballos, os aseos xa están novamente operativos, e dende o Concello está previsto a sinatura dun contrato de mantemento anual que implicará revisións trimestrais ou cuadrimestrais dos aseos. A maiores, tamén se incrementará a vixilancia nestes espazos e faise unha apelación ao civismo, polo que, “pedimos que se alguén detecta algún problema, xa sexa de funcionamento ou de vandalismo, nolo comuniquen inmediatamente”.

Estes aseos foron instalados no 2022 en zonas moi transitadas pola cidadanía e co obxectivo de ofrecer un servizo gratuíto.