Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu arranxa o Camiño de A Graña e varios na zona da Cabreira

  • O alcalde e o concelleiro de mantemento de viais visitaron este venres ambas actuacións que continúan coa mellora dos servizos e accesos no rural

O Concello de Bueu acomete estes días os arranxos de varios viais municipais, concretamente o coñecido como Camiño Vello da Graña e outros entre Cabreira e Antepazo, estes na parroquia de Cela. Félix Juncal, alcalde da vila, e Celso Dopazo, concelleiro de mantemento de viais, visitaron este venres ambos lugares para comprobar o alcance das actuacións.

A empresa Covsa, cun orzamento de 20.000 €, é a encargada de levar a cabo os traballos de pavimentación na Graña que xa quedaron finalizados hoxe. Hai uns meses FCC Aqualia levou a cabo o arranxo dunha avaría na rede de saneamento deste lugar e non repuxo o firme, motivo polo cal dende o consistorio se lle solicitou de forma verbal e por escrito para que acometese a reparación dos numerosos desperfectos, toda vez que o camiño fora recentemente pavimentado no marco das subvencións do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra. Pouco despois, a finais do 2022 e o ano pasado producíronse unha serie de avarías debidas ao mal estado do colector antigo de pluviais do cal a concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento de auga non informara. A empresa só reparou as avarías pero non actuou sobre a superficie do vial que presentou gretas, ondulacións e diversas irregularidades. Así e todo, e ante a gravidade do problema, o Concello decidiu actuar dado que, como recoñece o alcalde, “estamos diante dun problema de seguridade para a veciñanza do lugar”.

Os traballos quedaron rematados no día de hoxe e dende a alcaldía infórmase que o Concello ten pendente de continuar e resolver agora o expediente de reclamación.

Por outra banda, na zona da Cabreira formigonáronse tres camiños nos que o pavimento estaba bastante deteriorado e nos que tamén se dotou ás vivendas nesas dúas zonas dos servizos básicos de saneamento e abastecemento. Así mesmo, nun deles construíronse unhas escaleiras e está pendente de colocar tamén varandas para mellorar a seguridade. Estas obras, que se financiaron con cargo ao Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra, levounas a cabo Catorvi Excavaciones cun orzamento de preto de 90.000 €.

Dende o goberno local destacan ambas actuacións, pois, segundo o alcalde, “supoñen seguir ampliando os servizos básicos do noso rural, tanto na mellora do acceso ás vivendas como na posta a punto do saneamento e abastecemento da auga”.