O peirao de Bueu acollerá o próximo domingo a regata VIII Memorial Pepe O Ruso
- A proba tomará saída do peirao bueués ás 11.30 h e nela participarán trinta e dúas traiñeiras entre as categorías masculina, feminina e veterá
O peirao de Bueu celebrará o próximo domingo, 14 de xaneiro, a regata contrarreloxo VIII Memorial Pepe O Ruso, organizada polo Club do Mar Bueu- Simei e o Concello de Bueu, e na que participarán un total de trinta e dúas traiñeiras, afianzándose esta proba no calendario anual de pre tempada. Precisamente, este venres tivo lugar a rolda de prensa de presentación do evento na que estiveron Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo e Javier Pazos, integrante da directiva do club.
A saída desta regata terá lugar o domingo ás 11.30 horas desde o peirao, continuando logo ata Agrelo, Banda do Río, A Roiba, Cabalo e regreso ao porto, nun percorrido de 5.500 metros moi vistoso tanto para os e as participantes como para as persoas que queiran ver as traiñeiras desde a terra.
Aínda que non se trata dunha proba de carácter competitivo, entregarase unha bandeira á traiñeira gañadora da proba na categoría sénior masculina, así como tamén á tripulación feminina que realice o percorrido en menos tempo.
O evento xurdiu no ano 2016 como unha homenaxe a José Novas Gutiérrez, máis coñecido como “Sr Pepe” ou “Pepe O Ruso”, unha persoa que traballou durante moitos anos e dunha forma totalmente desinteresada polo fomento do deporte do remo na vila bueuesa.
Clubes participantes
Nesta regata está confirmada a participación de trinta e dúas tripulacións. Concretamente, na categoría senior estarán Puebla, Narón, Cesantes, Mecos, Rianxo, Chapela A e B, Castropol, Tirán A e B, Ares, Náutico de Riveira, Mugardos-A Cabana, Samertolameu, Bueu A e B, Cabo A e B; na veterán, Esteirana, Samertolameu, Rianxo , Muros e Cesantes; e na feminina haberá traiñeiras de Cesantes, Samertolameu, Cabo A e B, Puebla, Chapela, Tirán, e dúas mixtas de Castropol e Bueu.