O pleno da corporación municipal de Bueu insta á Xunta a construír aparcadoiros disuasorios
- A moción, que foi presentada polos grupos do goberno de BNG e PSOE, contou tamén co apoio do PP logo de que se emendase pedindo un estudo de viabilidade das zonas
- A sesión serviu para aprobar definitivamente o Orzamento Xeral 2023, despois de que se desestimasen as alegacións presentadas, e cos votos en contra do PP
O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu este luns, 4 de decembro, unha sesión plenaria ordinaria da corporación na que se aprobou definitivamente o Orzamento Xeral do 2023 e o cadro de persoal. Este asunto abriu o debate e Elena Estévez, voceira do PP, apuntou que “o orzamento chega tarde, mal e arrastro, e só terá unha vixencia de tres semanas”, incidindo en que “cando tiñamos que estar aprobando o do ano 2024 aínda imos co 2023”. A voceira explicou que, logo da aprobación provisional, o grupo popular presentou unha alegación para que se incluíse unha partida de cara a cumprir co concurso de ideas da Banda do Río, alegación que foi desestimada ao non cumprir cos tres supostos técnicos para aceptala, igual que aconteceu coas presentadas polo CSIF.
Xosé Leal, voceiro do BNG e edil de facenda, botoulle en cara ao PP que “sempre espera ao último día para presentar alegacións, polo que iso retrasa o procedemento de aprobación”. O edil recoñeceu o retraso e comprometeuse a que “nos primeiros meses agardamos presentar o orzamento do ano 2024 para aprobalo e executar as políticas que queremos levar a cabo”. Nesa mesma liña incidiu o alcalde, Félix Juncal, quen referendou que “dende o goberno local estamos sobre todo comprometidos coa saúde económica e financeira do Concello”. Finalmente, este asunto aprobouse cos votos a favor do BNG e PSOE.
A continuación debateuse a moción presentada polos grupos de BNG e PSOE na que se insta á Xunta de Galicia para que constrúa un aparcadoiro disuasorio na saída da VG-4.6 en Castiñeiras, unha iniciativa coa que se pretende fomentar o uso do vehículo compartido e que demanda para a vila bueuesa o mesmo que se fixo noutros concellos da contorna. Tal e como se explica no texto da moción, a Xunta de Galicia conta con terreos anexos á saída do polígono industrial de Castiñeiras que poderían albergar un aparcadoiro destas características que cumpra cos parámetros de uso do vehículo compartido e que de xeito complementario tamén poida empregarse para as persoas que acceden ao cemiterio ou ao propio polígono industrial. Ademais hai un tramo do antigo trazado do vial provincial Ep-1301 que está en desuso desde a construción do corredor e que amplía as posibilidades da superficie dispoñible nese entorno.
A voceira popular mostrou a súa sorpresa inicial e preguntou ao goberno se se fixera algunha solicitude á Xunta, e incidiu na necesidade de realizar un estudo propoñendo outras zonas para eses aparcadoiros. Así, a petición súa, a moción emendouse para instar á Xunta de Galicia a que realizase un estudo para ampliar as zonas de aparcadoiros disuasorios tamén no acceso de Bueu a Pontevedra. Con este cambio, a moción aprobouse por unanimidade.
Continuando coa sesión, o PP presentou unha moción para instar ao goberno local a desenvolver un plan de accións encamiñado a poñer en marcha medidas que sirvan para promover o empadroamento en Bueu. Segundo explicou Estévez, “é unha realidade que Bueu perde poboación ano a ano, polo que se podería facer unha campaña publicitaria que animase ás persoas a empadroarse na vila”. Isabel Quintás, voceira do PSOE, tachou a proposta de “incompleta” e incidiu en que “o que habería que facer é vivenda protexida ou de aluguer”. Seguindo nesa liña interveu Xosé Leal, dende o BNG, quen apuntou que “o que a xente quere é contar con políticas de vivenda, esas son as políticas reais, e non os anuncios”. Finalmente a moción só contou cos votos favorables do PP, polo que non se aprobou.
A sesión rematou cunha interpelación de Daniel Chapela, edil do PP, a Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo. Chapela preguntou sobre a valoración do goberno local dos datos turísticos deste verán e se foi suficiente a acción municipal para fomentar un modelo de turismo interesante para o municipio e para o sector. Ademais, interesouse por se o goberno vai fomentar unha desestacionalización do turismo local e que liñas de traballo se seguiría de cara ao futuro.
A concelleira Silvia Carballo salientou que “este goberno seguirá traballando en accións conxuntas que permitan facer unha vila amable e atractiva para a poboación local e tamén a visitante, como levamos facendo todos estes anos” . De feito, a edil apuntou que “xa levamos tempo fomentando a desestacionalización do turismo de xeito transversal dende todas as áreas, tanto con actividades propias como apoiando aos colectivos locais no desenvolvemento destas”.
Tras unha nova interpelación do edil popular, Carballo finalizou a súa intervención remarcando que “parece que están moi desconectados da realidade de Bueu, pois a poboación está preocupada pola afluencia de turismo, e vós pola falta dela”.
O pleno pode verse completo na canle de YouTube municipal do Concello de Bueu.