O Concello de Bueu comeza as obras de pavimentación do aparcadoiro da rúa Santán
- As obras consistirán no asfaltado deste espazo con capacidade para corenta vehículos en pleno casco urbano
- A actuación, que foi adxudicada á empresa COVSA por preto de 40.000 €, conta con financiamento do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra
O Concello de Bueu comezou as obras de pavimentación do aparcadoiro da rúa Santán, unha actuación moi demandada entre a cidadanía e que o alcalde, Félix Juncal, visitou este mércores xunto ao director de obra. A actuación, financiada con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación Provincial de Pontevedra, foi adxudicada a Construcións, Obras e Viais SA (COVSA) cun orzamento de 38.370,47 €, IVE engadido.
Estas obras suporán a pavimentación e pintado dun espazo con capacidade para uns corenta vehículos en pleno casco urbano, ademais da construción dunha rampla de entrada e dous accesos peonís. Segundo salienta o rexedor da vila, “esta pavimentación, cuxo comezo se demorou debido ao mal tempo das últimas semanas, permitirá adecentar e ordenar un espazo moi utilizado pola veciñanza e que nos ocasionaba moitos problemas porque se producían fochancas na tempada de chuvia e se levantaba po no verán”.
Este proxecto forma parte do plan de mellora e habilitación de aparcadoiros municipais, no que o goberno traballa anualmente. Así, por exemplo, recentemente, este verán pavimentouse e pintouse o aparcadoiro situado na Rúa Nova, na parroquia de Beluso.