O Concello de Bueu agarda pola subvención do CSD para a reforma do Pavillón de Beluso
- O proxecto de reforma conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, e buscará solucionar os problemas existentes de humidade ademais de propoñer actuacións que converterán esta instalación nun referente
- O Concello opta a unha liña de axudas para proxectos de turismo sostible do Consello Superior de Deportes por importe máximo de 600.000 euros
O Concello de Bueu está á espera de que se resolva a subvención solicitada en agosto ante o Consello Superior de Deportes para acometer a reforma do Pavillón Municipal de Deportes de Beluso. Para iso, o consistorio pediu a adhesión a unha alianza de municipios de Pontevedra promovida pola Deputación de Pontevedra, precisamente para promover o turismo sostible. Esta actuación valorada en 1,5 millóns de euros solucionará os problemas que a instalación deportiva arrastra dende hai tempo, pero que tamén suporán aplicar conceptos adaptados aos tempos que vivimos, como a eficiencia enerxética, a sustentabilidade ambiental, a accesibilidade ou a habitabilidade. A axuda solicitada é a máxima prevista por importe de 600.000 €.
Co obxectivo de conseguir o financiamento, o Concello de Bueu contou cunha axuda da Deputación de Pontevedra para o financiamento dos gastos derivados da presentación de candidaturas de proxectos subvencionables ao abeiro do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia no ámbito do turismo deportivo sostible que ten como finalidade subvencionar as asistencias técnicas que se contraten para a presentación das solicitudes de subvención.
O proxecto, de gran interese para a cidadanía e os clubs usuarios, contempla a reforma para dar solución ás deficiencias ocasionadas pola humidade que persiste nos vestiarios e polas filtracións que se producen coas choivas a través da cuberta. Esta primeira idea de actuación converteuse así nun proxecto de reforma integral, co que ademais de dar solución ao deterioro causado pola auga, se conseguirá unha mellora da eficiencia enerxética, da sustentabilidade ambiental, da accesibilidade e da habitabilidade. Desta maneira, abriranse varios ventanais para dotar de luz natural á pista, instalarase unha nova fachada ventilada con illamento térmico, mellorarase o illamento e a impermeabilización da cuberta levando a auga cara ao exterior, forraranse as paredes interiores con paneis acústicos, farase unha instalación na cuberta con paneis fotovoltaicos e renovaranse todas as instalacións do edificio por unhas de alta eficiencia enerxética. Así mesmo, o proxecto tamén servirá para levar a cabo outras actuacións que teñen que ver coa seguridade, como son a substitución de tódalas varandas que non cumpren coa normativa actual, por exemplo as das gradarías, que se substituirán por vidros que ademais melloran a visibilidade da pista.
Na planta baixa, a nova distribución permitirá contar con catro vestiarios de equipo e dous de árbitros, todos eles accesibles para PMR. Na planta alta, situaranse os aseos do público feminino, masculino e PMR; neste último, incorporarase un lavabo para persoas ostomizadas. A pista será dun pavimento deportivo con acabado en madeira para unha maior flexibilidade nas diferentes disciplinas deportivas, xa que este pavimento é o único que permite o seu uso tanto aos deportes de pelota coma aos de patinaxe. Dotarase tamén o pavillón cun vídeo marcador de dez metros cadrados de superficie, así como dunha instalación de música e son.