O Concello de Bueu clausura esta semana o ‘Concilia Bueu’
- O programa desenvolveuse no municipio, en horario de mañá, dende o 3 de xullo ao 31 de agosto
Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, visitou hoxe o “Concilia Bueu”, que remata esta semana, no que un cento de nenos e nenas nados entre 2011 e 2019 gozaron dun programa lúdico cultural e deportivo durante os dous meses do verán, e que permitiu favorecer tamén a conciliación laboral e familiar durante a tempada estival.
O programa desenvolveuse dende o 3 de xullo por parte da empresa de lecer Risotadas, que ofreceu actividades culturais, mentres que en agosto foi a cargo do club local Bueu Atlético Balonmán, que preparou obradoiros relacionados co deporte.
Como en anos anteriores, o Concello de Bueu facilitou este programa de forma gratuíta xa que é un proxecto moi necesario que pretende axudar á conciliación das familias nestes tempos tan complexos.
Os diversos obradoiros culturais, artísticos e deportivos tiveron lugar en varias localizacións, concretamente no CEIP Plurilingüe A Pedra infantil e primaria e no Pavillón Municipal Pablo Herbello.