O Concello de Bueu organiza un amplo programa para celebrar as Letras Galegas coa colaboración dos colectivos
- O acto de entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo terán lugar o 15 de maio ás 19 horas
- A XXII Romaría das Letras celebrarase, como é habitual, o mesmo 17 de maio durante todo o día no Adro de Sanamedio
O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura, presenta un amplo e variado programa para celebrar as Letras Galegas 2023, no que se insiren propostas musicais e literarias, e a tradicional Romaría das Letras de Sanamedio.
Este mércores ao mediodía celebrouse a rolda de prensa de presentación da programación, na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, e os edís Xosé Leal, Silvia Carballo e Alberto Moital, representantes dos colectivos colaboradores, como a Asociación Cultural de Sanamedio, a Asociación Cultural de Meiro, a Coral Polifónica Marusía, representantes do grupo The Skarnivals así como o mestre e investigador local Arturo S. Cidrás. Xosé Leal, edil da área, salienta que “o que buscamos é que tanto o propio 17 de maio, Día das Letras Galegas, como nos anteriores celebremos as nosas letras e a lingua galega”. Por iso a programación abranguerá dende o 15 ao 20 de maio por diversas localizacións da vila e con atención a varios públicos, a través dos cales se lembrará a Francisco Fernández del Riego, figura homenaxeada nesta data.
O 15 de maio, o Centro Social do Mar acollerá o acto de entrega dos Premios Johan Carballeira do Concello de Bueu, que se celebrará ás 19 horas e ao que asistirán Manuel López, gañador na categoría de poesía, e Héctor Pena, galardoado na de xornalismo. A continuación, tamén nese espazo, o historiador e mestre local Arturo S. Cidrás presentará o libro A escola pública en Bueu, un percorrido pola historia do ensino público na vila morracense, con datos históricos e fotografías de arquivo, e que se agasallará ás persoas asistentes. Cidrás dedica este libro “ao alumnado, nais-pais e profesorado que me acompañaron no meu camiñar pola docencia e dos que tanto recibín”.
Nel faise unha cartografía sobre a travesía do ensino público en Bueu. O libro recolle a experiencia das escolas públicas de instrucción primaria de Bueu, nas que tamén se recollen os centros de Ermelo, Meiro e Portela, e O Valado; das de Beluso, con Bon, Praia de Beluso, Cabalo e Curraces; das de Cela, e das de Ons, e outras que xurdiron ao longo da historia. Arturo Sánchez exerceu durante trinta e seis anos de docente de múltiples xeracións de alumnos e alumnas o que, unido ao seu afán investigador, lle serve de base para este estudo.
O Aparcadoiro de As Lagoas encherase de música o 16 de maio no “Sons no Urbano!”, coas actuacións de Xosé Lois Romero e Aliboria, The Skarnivals e M@3DJ, das que se poderá gozar de balde a partir das 21.30 horas. A música tradicional de Xosé Lois e Aliboria chega a Bueu no marco do programa Musigal da Deputación de Pontevedra, e a continuación o grupo local The Skarnivals presentarán algúns dos temas do seu novo disco “Latexos”. As actuacións serán nunha carpa instalada para a ocasión, e haberá unha barra da Asociación da Xuventude de Cela.
A XXII Romaría das Letras celebrarase o 17 de maio a partir das 12 horas no Adro de Sanamedio (Bon), coa colaboración da Asociación Cultural de Sanamedio. O comezo das actividades será ás 12 horas coa actuación de Os Liboreiros e Pais de San Roque, seguido de micro aberto das Letras Galegas. Pola tarde actuará o grupo local Os Palleta Mollada, e a cativada poderá gozar dun contacontos no que o dúo Polo Correo do Vento dará a coñecer a biografía de Del Riego. Tamén haberá xogos populares, así como cantina a favor do Bueu Atlético Balonmán durante toda a xornada, polo que se convida ás familias a xuntarse alí para o xantar.
Ese mesmo día, a Coral Polifónica Marusía organiza o habitual concerto das Letras Galegas, que será ás 20 horas no Centro Social do Mar, e no que participarán a Coral Polifónica de Santa Comba de Cordeiro (Valga), a Coral Polifónica Queixumes do Hío (Cangas), a Coral Polifónica de Salceda de Caselas e a anfitrioa.
As actividades culminarán o sábado 20 de maio, con actividades na parroquia de Beluso e no lugar de Meiro. A partir das 18 horas, a Asociación Cultural Novos Ventos organizará na Casa do Pobo de Beluso contacontos, xogos tradicionais, e a presentación do libro Damas e ghaláns do Entruido de Nergha, de Guillerme Ignacio.
Na Casa da Aldea de Meiro, os eventos estarán organizados pola Asociación Veciñal A Morada, e constarán dunha charla sobre a celebración das Letras Galegas na antiga escola do lugar, da man do mestre Cidrás; seguida da presentación do novo libro A sorepa do moañés Luís Chapela. Tamén haberá micro aberto de poesía, e actuacións musicais da Agrupación de canto de Meiro e Os Palleta Mollada.
E tamén todos os venres de maio desenvolverase o Ciclo de Cinema Galego, organizado polo Cineclub Bueu, e no que se proxectarán ás 21 horas filmes como Unicorn Wars, Matria e Devolviendo el golpe.