As ‘I Xornadas Gastronómicas en Feminino Bueu’ agasallan a seis persoas con vales para consumir na hostalaría
- O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este xoves o sorteo destes premios entre as persoas participantes nestas xornadas que visibilizaron o papel das mulleres cociñeiras
- Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, destacou a boa acollida por parte da cidadanía e a calidade das tapas ofertadas polos trece establecementos hostaleiros
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este xoves o sorteo dos vales co que serán agasalladas seis persoas que participaron nas ‘I Xornadas Gastronómicas en Feminino Bueu’. No acto estiveron Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Rodrigo Pastoriza, xerente de Fecimo, e representantes dalgúns locais hostaleiros que participaron nesta iniciativa que pretendía visibilizar o papel das mulleres cociñeiras da vila.
Silvia Carballo destacou a boa acollida por parte da cidadanía e a calidade das tapas ofertadas polos trece establecementos participantes, inspiradas na cociña de Beatriz Sotelo, cociñeira que conta cunha Estrela Michelín e que visibiliza continuamente o papel das mulleres na alta cociña.
O sorteo de hoxe posibilitará que seis persoas que probaron as tapas e entregaron os vales nos locais habilitados poidan agora gozar dunha cea ou comida en calquera dos locais participantes.
Esta iniciativa partiu da Asociación de Hostalaría da vila, coa colaboración da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), e o Concello de Bueu e estivo en marcha do 8 ao 12 de marzo, datas nas que se puideron degustar as tapas, ademais de organizarse un acto central o Día Internacional das Mulleres con Beatriz Sotelo.