O Concello de Bueu inaugurou este luns o alumeado de Nadal
- No acto participaron o alcalde e concelleiros e concelleiras da corporación municipal
O Concello de Bueu inaugurou este luns, 5 de decembro, o alumeado de Nadal na vila, que inclúe máis de medio cento de arcos luminosos, e como novidade un abeto natural de seis metros que se sitúa na céntrica Praza Massó. Precisamente foi neste espazo no que hoxe á tardiña estiveron Félix Juncal, alcalde de Bueu, e algúns concelleiros e concelleiras dos grupos de BNG e PP.
Este ano o despregue incluirá máis de medio cento de arcos que se repartirán por todo o municipio, unha trintena de adornos para as farolas e árbores e a instalación dun cento de grilandas. Ademais dos aspectos máis luminosos, este Nadal o Concello apostou por un abeto natural de seis metros que se instalou ao lado da Casa Consistorial e xunto ao que se habilitou un pequeno poboado preparado para fotos coa cativada.
A maioría das luces que se colocaron son de tipo LED, unha medida destinada ao aforro e a eficiencia enerxética, o que se complementará co apagado á media noite, agás os días festivos e previas, nos que haberá un horario máis amplo. Así mesmo, esta redución horaria permitirá contar con máis luces nas zonas comerciais, xa que é un dos reclamos para activar o consumo no local.
Así mesmo, o Concello de Bueu atópase inmerso na organización dun amplo e variado programa de actividades para toda a familia durante estas festas, que se dará a coñecer nos próximos días.