O Concello de Bueu inaugura o Estaleiro de Purro, un dos grandes símbolos da súa orixe mariñeira
- O acto está previsto para o 2 de setembro pola tarde coa presenza da presidenta de Deputación Provincial de Pontevedra
O Concello de Bueu inaugurará o 2 de setembro a partir das 20 horas o Estaleiro de Purro, na Banda do Río, cuxas obras de rehabilitación e musealización se culminaron este verán, despois de varios anos nos que houbo que facer fronte a diversas dificultades. O consistorio quere celebrar por todo o alto esta noticia e por iso programará un acto inaugural e de celebración que será a comezos de setembro e no que está prevista a asistencia de Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, organismo que permitiu contar cos fondos necesarios para o financiamento desta actuación.
O Estaleiro da Banda do Río atópase a carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente coa historia marítima recente da vila bueuesa. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e formáronse moitos profesionais e veciños; e tamén se construíron infinidade de embarcacións. O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente da cultura mariñeira. A súa imaxe é vínculo de unión entre o pobo de Bueu e o seu pasado, sempre vencellado aos barcos e ao mar.
A rehabilitación supón a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira a través do proxecto museístico e ao mesmo tempo de aparellos e ferramentas de traballo. Ademais, a conservación deste patrimonio marítimo contribuirá á diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima, cara actividades de turismo sostible e creación de emprego no sector turístico e cultural.
Juncal salienta o esforzo que realiza o Concello para manter a vinculación entre a recuperación ambiental dos recursos naturais, así como a súa conservación, e a posta en valor do patrimonio cultural, con vocación divulgativa a partir do coñecemento “da nosa historia e das nosas orixes como vila mariñeira”. Estes traballos de musealización complementan a rehabilitación que se rematou no 2018 e que permitiu que se iniciase a posta en valor dunha instalación de alto valor patrimonial. Por iso, a parte máis importante é a referida á interpretación dos contidos desta antiga carpintería de ribeira, considerada a última da ría de Pontevedra.