Bueu acolle este mes o ciclo «O tempo ten memoria»
- As actividades desenvolveranse todos os mércores de agosto ás 20.30 horas no Centro Social do Mar
O Colectivo «O mar por diante» e o Concello de Bueu organizan do 27 de xullo ao 24 de agosto un ciclo de conferencias titulado “O tempo ten memoria”, que busca precisamente poñer en valor as lembranzas e os recordos da vila mariñeira de Bueu e as súas xentes. As actividades comezarán este mércores, 27 de xullo, cun concerto sobre música no exilio, de Hugo Rodríguez e Anna Senn. Precisamente, aproveitando os ensaios dos dous artistas, Xosé Leal, concelleiro de cultura, achegouse ata o Centro Social do Mar para presentar estas xornadas, nun acto no que tamén estiveron algúns integrantes do colectivo, como Loli Docampo, Arturo Sánchez, Xaime Toxo ou Francisco R. Pastoriza.
Despois do concerto inaugural, as xornadas continuarán o próximo 3 de agosto coa mesa redonda titulada “Texto e territorio II”, na que diversos escritores e escritoras da vila reflexionarán sobre a creación e de que forma Bueu está presente na súa escrita Nela participarán Antía Novas, Álvaro Otero, Suso Portela e Salvador Rodríguez, baixo a moderación de Salvador Castro.
O 10 de agosto, o historiador local Arturo Sánchez Cidrás continuará coa charla “Xentes de Bueu”, na que nos dará a coñecer diversos persoeiros da vila. Xa o 17 de agosto celebrarase a mesa redonda “Novelar a guerra” na que participarán Montse Fajardo, Xina Vega e Francisco R. Pastoriza, para falar sobre a forma na que a guerra se manifesta nas súas novelas.
O programa do ciclo “O tempo ten memoria” culminará o 24 de agosto coa proxección da curta “O estrobo no tolete”, que foi realizada por Manuel Yáñez e dirixida por Xaime Toxo. Esta obra é una proposta audiovisual creativa e subxectiva onde se intenta a través de imaxes e textos vincular a permanencia da memoria e a arqueoloxía emocional do territorio.
Todas as actividades se desenvolverán ás 20.30 horas no Centro Social do Mar.