Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu pon en marcha de novo o programa de apoio psicolóxico para menores

  • Dende o departamento promoveranse actuacións de educación e apoio familiar e psicolóxico, mediación familiar e obradoiros psicoeducativos para menores

O Departamento de Benestar Social do Concello de Bueu vén de poñer en marcha de novo o servizo de atención psicolóxica á/ao menor, subvencionado polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 da Xunta de Galicia. Este servizo estará dispoñible ata abril do próximo ano e con el tratarase de prestar apoio en situacións que entrañan algún conflito nos e nas menores e nas súas familias.

As liñas de actuación do programa son tres: en primeiro lugar, a educación e o apoio familiar e psicolóxico para as familias e menores; segundo, a mediación familia, a través dun servizo dirixido a facilitar a comunicación entre os membros dunha familia en situación de conflito; e terceiro, obradoiros psicoeducativos para menores, con accións encamiñadas a superar as dificultades detectadas nas e nos menores tanto a nivel de inclusión social como de aprendizaxe na escola.

Segundo informan dende Benestar Social, este programa permite orientar ás familias en competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas, desde a educación en igualdade e a corresponsabilidade, así como promover procesos de cambio que favorezan unha parentalidade positiva e a integración en todos os ámbitos da vida comunitaria. Así mesmo, o programa ofrece recursos para que os e as menores conten con ferramentas que lles permitan ser competentes a nivel social, e tamén lles ensinarán a xestionar as emocións e traballar as habilidades sociais.

As persoas que desexen máis información poderán contactar co departamento a través do correo electrónico benestarsocial@concellodebueu.gal ou no teléfono 886124816.