Declaración institucional da Xunta de Voceiros/as do Concello de Bueu sobre a Semana Internacional de Concienciación sobre a Xordocegueira
A Xunta de Voceiros/as do Concello de Bueu, reunida o 27 de xuño de 2022, apoia a «Declaración institucional da Xunta de Voceiros/as do Concello de Bueu sobre a Semana Internacional de Concienciación sobre a Xordocegueira», cuxo texto foi presentado pola Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (XOGA). Así mesmo, durante toda a semana, a fonte cibernética da Praza Massó aluméase de cor verde con motivo desta data.
Declaración institucional
«A xordocegueira é unha discapacidade única con características e necesidades propias que consiste na perda conxunta de capacidade visual e auditiva. Como tal está contemplada na Lei 27/2007, do 23 de outubro, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas e regúlanse os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas.
Trátase dunha condición específica e non da suma de xordeira e cegueira. Tampouco se trata dunha enfermidade, aínda que moitas enfermidades e/ou síndromes poden ser causa. Pódese ter xordocegueira con algún resto visual, auditivo ou de ambos os sentidos. Deica que tamén sexa aceptada a denominación de “perda sensorial dual”, en referencia á perda combinada dos dous sentidos principais.
O impacto da xordocegueira na calidade de vida dunha persoa é moi elevado. A vista e o oído son os sentidos de referencia e ambos teñen un papel preponderante na percepción da contorna e na aprendizaxe. O efecto da diminución conxunta multiplica o grao de dependencia.
O 27 de xuño é o aniversario do nacemento de Helen Keller, unha das persoas con xordocegueira máis coñecidas da historia. En 1985 o Presidente dos Estados Unidos de América, proclamou a semana do 23 ao 29 de xuño de 1985 como Semana de Concienciación Helen Keller sobre Xordocegueira e fixo un chamamento para que se realicen durante esa semana actividades de visibilización. Desde entón, todas as organizacións especializadas en xordocegueira aceptaron o 27 de xuño como “Día Internacional da Xordocegueira” e á súa semana como “Semana internacional de Concienciación sobre a Xordocegueira”.
A pedimento da “Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, Xoga” coma membro afiliado da “Federación Española de Xordocegueira FESOCE”, e ao obxecto de centrar a atención pública na xordocegueira e a esperanza na creación dos especiais servizos sociais, educativos e sanitarios que require, o Congreso dos Deputados apoia a declaración da semana do 27 de xuño como “Semana de Concienciación sobre a Xordocegueira” e fai un chamamento ás administracións, entidades públicas, organizacións, medios de comunicación e a todos os cidadáns para que participen esa semana en cerimonias e actividades de visibilización da xordocegueira».