Formación no Centro de Saúde bueués para previr as violencias machistas
- A médica Rosana Izquierdo Fernández impartiu este venres unha charla ao persoal sanitario bueués na que explicou as pautas de actuación na atención primaria, así como o protocolo da violencia de xénero
- Esta actividade forma parte dun programa que leva adiante o Concello de Bueu, e para o que conta cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero
O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade, continúa apostando pola educación e a formación como un dos piares básicos na loita contra as violencias machistas. Este venres pola mañá, a médica Rosana Izquierdo Fernández, impartiu unha charla para o persoal sanitario do Centro de Saúde de Bueu, na que explicou as pautas de actuación na atención primaria e o protocolo da violencia de xénero. A poñente é médica de atención primaria do Centro de Saúde de Coruxo (Vigo) e responsable do grupo de traballo de violencia de xénero da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC).
Esta actividade forma parte dun programa que leva adiante o Concello de Bueu, a través do Centro de Información ás Mulleres, e para o que conta cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero. Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou na apertura das xornadas e salientou que “dende o Concello de Bueu queremos darvos as grazas a todos os sanitarios e sanitarias, pois defendedes a sanidade pública, e sodes un piar fundamental para concienciar, detectar e previr esta lacra social das violencias machistas”. No mesmo sentido interveu Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, quen puxo a ollada en que “debemos poñer todos e todas o noso gran de area nesta loita, e aí o Concello de Bueu sempre estará axudando e propoñendo actividades de sensibilización e formación”.
Esta actividade, que se leva a cabo no marco das subvencións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, súmase aos obradoiros de igualdade que se están levando estas semanas aos centros educativos de primaria e secundaria da vila, nos que os rapaces e rapazas reflexionan sobre mitos do amor romántico, a violencia de xénero e as redes sociais, o apoderamento feminino, e a diversidade afectivo –sexual.
As xornadas de formación dirixidas a diversos profesionais foron organizadas por primeira vez no ano 2019, con sesións para corpos de seguridade, persoal sanitario, profesores e profesoras, e cidadanía en xeral. Estas accións teñen como obxectivo avanzar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria, e pretenden dar cumprimento ao recollido nos plans de igualdade aprobados polo Concello de Bueu.