Antía Yáñez gaña o XIX Premio Johan Carballeira de Xornalismo do Concello de Bueu
- O xurado destacou que a crónica xornalística ‘A saúde mental en Galicia, en bragas’, publicada na revista Luzes, vincula o persoal e o político, pois parte dunha vivencia propia entroncando coas opinións de profesionais e doutros doentes de forma fluída
- Os premios, tanto na categoría de xornalismo como na de poesía, entregaranse nun acto público que se celebrará na semana das Letras Galegas
Antía Yáñez resultou gañadora do XIX Premio Johan Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu con “A saúde mental en Galicia, en bragas’, publicada na revista Luzes e que destacou de entre as dezaseis obras presentadas. O xurado, que se reuniu na tarde deste martes, 3 de maio, coincidindo co Día Mundial da Liberdade de Prensa, estivo conformado polas xornalistas Cláudia Morán Mato, Marta Veiga Izaguirre (gañadora da pasada edición do certame), e Manuel A. Mosteiro García, en representación da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. Na acta, o xurado salientou que “esta crónica xornalística vincula o persoal e o político, pois parte dunha vivencia propia entroncando coas opinións de profesionais e doutros doentes de forma fluída”. Así mesmo, “visibiliza o tema das enfermidades mentais, de urxente atención e agravadas pola pandemia, e da problemática que supón ter que enfrontarse a un profesional diferente cada vez que abres a porta da consulta”, sen esquecer “que o remate desta crónica, a pesar de ser breve, é moi expresivo e contundente”.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira, xestiona unha academia en Cecebre e organiza obradoiros literarios. Como narradora, conta con novelas para público infantil e xuvenil como O misterio de Portomarín, O misterio do torque de Burela, Be Water, e Plan de rescate; e para adultos escribiu Senlleiras e, recentemente Non penses nun elefante rosa, na que precisamente aborda o Trastorno Obsesivo Compulsivo dende o humor. Tamén participou no libro de relatos colectivo Entre Donas.
O Premio Johan Carballeira de Xornalismo ten premiado a xornalistas e persoas recoñecidas deste mundo como Aser Álvarez, Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico…
Hai unha semana deuse a coñecer o gañador do certame na categoría de poesía, que resultou ser o poeta viveirense Miguel Sande.
Podedes ler a crónica completa aquí: