O Concello reforza o plan de acondicionamento e limpeza dos espazos
- O alcalde visitou esta mañá o lugar de Sabarigo, na parroquia de Cela, onde se limpou o parque da Nogueira, o lavadoiro e a fonte da Fanequeira
- Estes días continuarase pola zona de Portomaior e tamén polo resto de aldeas tanto con persoal
Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, visitou este martes o lugar de Sabarigo, na parroquia de Cela, onde se limpou e acondicionou o parque da Nogueira, así como o lavadoiro do Regueiro e a fonte da Fanequeira. Para estes traballos, o Concello contratou os servizos da Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII, que permitirán adecentar diversas zonas das tres parroquias, tal e como se fixo en anos anteriores na tempada de primavera- verán. Así, as brigadas continúan esta semana pola zona de Portomaior, tanto nos accesos ao areal como na contorna, e posteriormente irán polas aldeas como Cividade, Soutelo, A Graña, Valado, Ramorta, Meáns, Loureiro, entre outras.
Ao mesmo tempo, a brigada de obras e servizos municipal vén de acometer a limpeza do camiño da Carrasqueira e continuará coa senda do río Bispo dende a zona do Valado ata o casco urbano, que se completará posteriormente no seu tramo superior cara á Portela.
O alcalde salienta que tamén nestes días comezou o plan de mellora da sinalización horizontal e vertical en diversas zonas tanto do casco urbano como nas parroquias, que inclúen a colocación de sinais, e o pintado de vados e prazas de estacionamento para persoas con discapacidade e diversos servizos. “Para o Concello é importante facilitar o acceso aos núcleos de poboación por parte da cidadanía, tanto do casco urbano como do resto de lugares”, apunta Juncal, que destaca a actuación realizada na zona próxima ao parque Ramal dos Galos.