O Ceip Plurilingüe Torre-Cela, exemplo de innovación educativa
- Responsables políticos do Concello de Bueu e da Xunta de Galicia coñeceron o proxecto co que o centro gañou o 1º Premio Educativo Innovagal o pasado curso
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura e ensino, participaron este xoves na visita realizada por Luís López, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, e César Pérez, xefe territorial de educación, ao CEIP Plurilingüe de Torre – Cela, para coñecer de primeira man o proxecto co que o centro gañou o 1º premio nos Premios Educativos Innovagal para o profesorado e os centros docentes públicos dacomunidade autónoma de Galicia durante o curso escolar 2021/2022.
Miriam Area, directora do centro, explicoulles que o proxecto se puxo en marcha antes da pandemia e supuxo un antes e un despois na forma de traballar co alumnado. Así, a raíz da reforma da biblioteca, o profesorado reformulou todo e comezouse a promover o desenvolvemento por competencias do alumnado, a través de iniciativas como experimentos, inventos, programas de radio, vídeos … Con elo conseguiuse potenciar a aprendizaxe vivencial e estender as experiencias máis alá do libro de texto. Así mesmo, tamén se crearon iniciativas para avanzar na resolución de conflitos e fomentar a convivencia entre todo o alumnado.
Ao remate da visita, o alcalde e o concelleiro de ensino mostraron o seu orgullo “porque se demostra día tras día que os centros educativos en Bueu están á vangarda e que son o presente e o futuro desta sociedade”. Na visita tamén estiveron presentes Elena Estévez e María Carmen Núñez, concelleiras do PP de Bueu.