Semana Activa en Bueu
Evento xa rematado
-
Inicio
12 abril, 2022
10:00 am -
Fin
16 abril, 2022
8:00 pm
O Concello de Bueu, a través da concellaría de turismo, pon en marcha un programa de actividades co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer para unha Semana Santa activa, con actividades sostibles de posta en valor do noso patrimonio natural e cultural e destinadas tanto á veciñanza como ás persoas que nos visiten.
As persoas adultas poderán coñecer mellor a contorna e a vila de Bueu a través das rutas de sendeirismo programadas para o 14, 15 e 16 de abril. Baixo o lema de “Bueu e o seus segredos”, o xoves 14 arrancará dende o Centro de Interpretación de Agrelo un percorrido ata Mourisca ás 10 horas da mañá; mentres, o sábado 16, a ruta guiada será polo sendeiro circular de Cabo Udra con saída dende a Aula da Natureza do lugar á mesma hora. As dúas camiñadas son de dificultade media e teñen unha duración de tres horas, polo que os e as participantes deberán traer calzado e roupa cómoda, ademais de auga e froita. E para o horario vespertino, o venres desenvolverase “E ti de quen ves sendo?”, unha ruta urbana nocturna que propón un percorrido polar rúas de Bueu botando unha ollada ás orixes e tradicións da vila.. Neste caso, a saída será ás 19 horas dende a Oficina de Turismo de Bueu, situada na Sala Domínguez Búa.
E para a cativada programaranse obradoiros infantís con actividades de lecer na contorna da piscina municipal das Lagoas, que se desenvolverán o 12 e o 14 de abril a partir das 10 horas, e nos que poderán participar nenos e nenas de 3 a 12 anos. Neles contarase con persoal especializado en necesidades especiais, pois dende o goberno local apóstase pola inclusión de todas as persoas como xa se fixo no Entroido. Tamén aos máis pequenos e pequenas vai destinado o obradoiro medioambiental que terá lugar o sábado 16 ás seis da tarde na contorna de Cabo Udra, aínda que se chove se trasladará á Aula da Natureza.
Para todas as actividades é necesaria inscrición previa a través dun formulario na páxina web municipal, no teléfono 986390029 (ext. 2), ou de forma presencial no 2º andar do Concello de Bueu.